ALCALDÍA

O alcalde expresa o agradecemento da cidade a Música en Compostela

08/08/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibiu os participantes do Curso Internacional Música en Compostela. A visita a Raxoi é xa cita habitual deste programa, que neste 2011 cumpre a súa edición número 54.

Conde Roa manifestou o "profundo agradecemento da cidade a todas as persoas que dende a orixe estiveron na organización de Música en Compostela. Tamén lles deu as grazas por seguir vinculando a cidade de Santiago coa música e comprometeu a colaboración do Concello para o futuro.

A propósito dos máis de 100 alumnos de diversas nacionalidades que participan no Curso, declarouse "orgulloso de que cada vez se internacionalice máis". Convidou a estes alumnos a ser "embaixadores" da cidade e desexou que pronto estean de novo en Compostela "como membros de grandes orquestras".

Pola súa parte, o director do Curso, Antonio Iglesias, fixo un repaso pola longa traxectoria e orixes de Música en Compostela e afirmou estar "moi contento" da acollida do mesmo na cidade. Valorou a contribución do curso para que "hoxe, Santiago sexa unha potencia musical de primeira orde".

Organizado ininterrompidamente dende 1958, o Curso Internacional Música en Compostela ofrece ensinanzas en varias especialidades musicais e unha serie de concertos especiais. Alumnos de diversos países do mundo acoden a estas prestixiosas xornadas.

Compartir: