BENESTAR SOCIAL

Paula Prado traza liñas de colaboración con diferentes entidades sociais

07/08/2011 A concelleira de Benestar Social, Paula Prado, estase a reunir con diversas entidades sociais para trazar liñas de colaboración. Desta vez, mantivo un encontro con representantes do Banco de Alimentos Rías Altas e das Aulas da Terceira Idade. Con estes últimos comprometeuse a recuperar a subvención municipal, suprimida por primeira vez este ano.

Paula Prado cualificou o labor das Aulas da Terceira Idade como "fundamental para a mellora da calidade de vida dos nosos maiores e da súa saúde, e para evitar as consecuencias da soedade". Ademais, dixo, "e importantísimo aproveitar o potencial e os recursos humanos cos que conta a entidade e optimizar a prestación de servizos".

A edil expresoulles o compromiso do Goberno municipal de recuperar a subvención que o Concello lles viña outorgando e que foi suprimida este ano. Igualmente, apostou por abrir iniciar unha liña de colaboración centrada fundamentalmente no rural, onde máis persoas maiores do municipio residen.

33 anos de servizo
As Aulas da Terceira Idade levan funcionando 33 anos. Este é un proxecto que naceu da man da Orde dos Jesuitas e que acadou o seu maior desenvolvemento na época do Pai Francisco Gómez.

As actividades que organizan están destinadas a persoas maiores de 50 anos e son de tipo cultural, tales como saídas guiadas a exposicións ou monumentos; actividades deportivas, entre as que se atopa o ioga ou o tai-chi; así como viaxes organizadas ou clases de informática, idiomas, historia, arte e talleres de memoria.

Banco de Alimentos Rías Altas
Paula Prado tamén se reuniu con representantes do Banco de Alimentos Rías Altas, asociación que traballa con excendentes procedentes da Unión Europea. Expuxeron á concelleira o seu labor, que consiste en repartir estes alimentos a outra entidades como Cáritas, Xoan XXIII, Cociña Económica e parroquias, que son as encargadas de facer a entrega aos seus destinatarios finais.

Na actualidade, esta asociación necesita un local para almacén, xa que están utilizando en precario unha nave no Polígono do Tambre e o local do que dispoñen en Santa Marta, que lles queda pequeño. Ademais, precisan unha cámara frigorífica para almacenar os productos perecedoiros.

Banco de Alimentos ofreceuse a colaborar co Concello para atender as persoas que están pasando dificultades económicas no municipio.

Compartir: