MEDIO AMBIENTE E CIDADE HISTÓRICA

O Concurso de Balcóns abrirase a toda a cidade na súa vindeira edición

04/08/2011 Un balcón situado na Fonte de Santo Antonio foi o gañador do III Concurso de Balcóns da Cidade Histórica "Flores na cidade". Este certame abrirase na súa seguinte edición a toda a cidade, segundo anunciou a concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, na entrega de premios, na que tamén participou a concelleira de Cidade Histórica, María Pardo.

O primeiro premio, consistente nun diploma, plantas e materiais de xardinería por valor de 200 foi para o balcón da Fonte de Santo Antonio, nº 30, 2º, presentado por Ana María Romar Troiteiro. O xurado destacou do mesmo a diversidade de formas e a harmonía do conxunto.

A segunda clasificada foi María del Carmen Carregal Conde, grazas á decoración do seu balcón na avenida de Raxoi nº 6. Para ela vai o galardón por valor de 100 euros. Neste caso, o xurado valorou tanto equilibrio do conxunto como a harmonía do deseño.

O Hotel Gastronómico San Miguel fíxose co terceiro premio, de 50 euros, polo balcón situado na praza de San Miguel dos Agros, nº 9. Na apreciación do xurado primou a harmonía do conxunto.

En canto ao balcón máis valorado polo público, elixido a través dos votos rexistrados na páxina web entre o 1 e o 7 de xullo, o premio recaeu no presentado por A Curtidoría, S.L., situado na rúa da Conga, nº 2. Recibiu 331 votos e correspondeulle un premio por valor de 75 euros.

Nestas tres primeiras edicións o concurso centrouse no casco histórico, pero a partir da vindeira edición, o certame "abrirase a toda a cidade", indicou María Castelao. Desta forma, haberá tres grupos de participación: os balcóns da Cidade Histórica, os do Ensanche e un terceiro dos establecementos de hostalería. Apuntou que "os xardíns e os balcóns son a imaxe da cidade", polo que este concurso contribuirá a "facer a cidade aínda máis bonita".

Compartir: