ALCALDÍA

Conde Roa resalta o importante labor de asesoramento integral prestado polas oficinas municipais de rehabilitación

03/08/2011 O alcalde, Xerardo Conde Roa, participou no acto de sinatura dos convenios de colaboración para o financiamento das Oficinas Municipais de Rehabilitación, xunto co conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. O rexedor compostelán interveu en nome dos 32 concellos asinantes.

Conde Roa comezou a súa intervención expresando a satisfacción que lle producía asinar este convenio nun marco como a Cidade da Cultura, "concibida para o beneficio de todas as galegas e galegos", porque "na Galicia vertebrada e única, os grandes equipamentos non son privativos de ningún termo municipal". Así, insistiu, esta Cidade da Cultura "é de Galicia e para Galicia", polo que animou aos presentes a percibila como propia e a estimular a súa consolidación.

Sobre o convenio, indicou que representa a "cultura da rehabilitación" e a "cultura da cooperación entre Administracións públicas". Aplícase neste caso –dixo- a "aproveitar o patrimonio existente" e a "poñelo en valor", recalcando que o urbanismo "non só debe responder a un proceso de expansión (en moitos casos inevitable) senón tamén a un proceso de conservación, porque non se trata só de colonizar novos espazos, senón tamén de recuperar os xa existentes".

Tamén resaltou a importancia nestes tempos da rehabilitación como "revulsivo para colectivos de traballadores e profesionais tan castigados hoxe pola crise inmobiliaria". Pero para que estas rehabilitacións se concreten, "as Administracións debemos desbrozarlle aos particulares o camiño da rehabilitación, con axudas económicas, por suposto, pero tamén con un asesoramento integral", apuntou.

Segundo afirmou o alcalde, "é neste punto onde xogan un papel importantísimo as Oficinas Municipais de Rehabilitación ou Portelos Únicos". Por iso, valorou "as achegas que fai a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para manter estas Oficinas". "É destacable que a Xunta de Galicia recoñeza en nós -nos concellos- un instrumento axeitado para facer efectivas políticas públicas deseñadas en instancias superiores", concluíu en relación á materia do convenio.

Camiño de Santiago
No mesmo acto, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, avanzou que os propietarios de vivendas emprazadas no trazados dos sete camiños de Santiago que percorren Galicia poderán solicitar a partir do venres 5 as axudas para a rehabilitación.

Estas axudas beneficiarán as vivendas das parroquias de 107 concellos de Galicia, -entre eles Santiago de Compostela- polas que discorre o Camiño de Santiago. As axudas medias serán de 5.000 euros do Plan de Vivenda e Rehabilitación 2099-2012, que nalgúns casos poderán chegar aos 10.000 euros.

A orde que regula estas axudas prevé que con cargo a esta primeira fase da área de rehabilitación dos Camiños de Santiago se rehabiliten 573 vivendas, número susceptible de ampliación no caso de que o permitan os fondos autorizados, que acadan a contía máxima de 5,73 millóns de euros, repartidos a partes iguais nas anualidades 2012 e 2013.

A área de rehabilitación dos Camiños de Santiago inclúe no seu ámbito as sete rutas do Camiño de Santiago delimitadas en Galicia: Camiño do Norte, Primitivo, Francés, Ruta da Plata, Portugués, de Fisterra e Muxía e Inglés.

Compartir: