EDUCACIÓN

Convócase a 3ª edición dos Premios Educacompostela

21/03/2005 O Concello de Santiago e a Nova Escola Galega veñen de convocar a terceira edición dos "Premios Educacompostela", co obxectivo de recoñecer, promover, premiar e difundir os materiais educativos que poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galiza.

A Xunta de Goberno vén de aprobar as bases e o orzamento da convocatoria da 3ª edición dos Premios Educacompostela, que naceron hai tres anos para impulsar e premiar os recursos educativos.

Nas bases dos premios establécese que a temática para os concursantes individuais ou colectivos que queiran participar será libre. O prazo de presentación de traballos será entre o 31 de marzo e o 30 de xuño de 2005, sendo a entrega dos premios en xullo deste ano.

Poden optar aos Premios Educacompostela aqueles autores que elaboren material didáctico que trate sobre temas interesantes de abordar no currículo, ben sexa en Educación Infantil, Primaria ou Secundaria. Tamén se poderán presentar materiais elaborados e destinados para o contexto no formal e informal.

Establécense tres premios: de 1.200, de 900 e de 600 euros, e o material presentado, que será orixinal e inédito, deberá ir acompañado dun texto explicativo dun máximo de 15 páxinas.

Documentos relacionados



Compartir: