CULTURA

O Festival dos Abrazos enche de cultura as rúas de Santiago con máis de 60 actividades

03/08/2011 O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, presentou a programación do Festival dos Abrazos 2011 acompañado da xerente en funcións do Auditorio de Galicia, Silvia Modia. O festival, que celebra a súa cuarta edición, ofrecerá do 8 ao 27 de agosto, en espazos singulares da cidade, 66 actividades de diferentes disciplinas.

O Festival dos Abrazos é un certame internacional que proxecta Santiago de Compostela como escenario da creación e da imaxinación, como cidade universal á vangarda dunha cultura aberta, moderna e plural promovendo iniciativas culturais que constitúen un importante atractivo turístico. Os espazos onde se desenvolven as diversas actividades, máis de 20, non son só escenarios senón que son tamén protagonistas da programación Clasifícanse en tres categorías: Campo Aberto, os parques e xardíns que rodean a cidade vella ou que se agochan nela; Estacións de paso, as rúas e prazas máis coñecidas e transitadas da cidade histórica; e Espazos Íntimos, recunchos, calexas, menos coñecidas pero cheas de encanto.

O festival arrinca o luns 8 de agosto cun pasarrúas inaugural con A magnifique bande dos homes sen medo, que percorrerá a cidade vella a partir das 12:00 horas. Despedirase o sábado 27 con Atempo Circ, un espectáculo circense chegado desde Cataluña que poderemos ver ás 22:30 horas na praza da Quintana . Entre un e outro espectáculo 64 actividades máis.

Cada día da semana ten unha disciplina artística como protagonista destacada e nun lugar determinado. Así, os luns a programación infantil será a protagonista no Paseo Central da Alameda; martes será o día de performance e artes escénicas na praza da Oliveira e San Agustín; mércores haberá circo-clown no parque de Bonaval; xoves danza na praza do Toural e en San Agustín; venres música electrónica e jazz na Zona "C" e San Martiño Pinario e sábado música folk e tradicional na praza de Fonseca e San Martiño Pinario. Ademais, hai que engadir as actividades de Feitoaman e martes e xoves será o día de Curtocircuíto; mércores do Festival de Cinema Euro-Árabe Amal, mentres que os domingos non haberá programación.

Música, teatro, danza, performance, circo-clown, artes plásticas e proxeccións audiovisuais para chegar a todos os públicos e a todos os gustos. Un programa extenso, na que este ano, como novidade, hai unha programación específica infantil. Ángel Currás, concelleiro de Cultura asegurou que o festival "daralle creatividade e ambiente a unha cidade que ten unha gran tradición cultural e lúdico-festiva" e convidou a todos os composteláns e visitantes a "gozar con este festival no que a propia cidade se converte en protagonista".

Organizado pola Concellaría de Cultura, o Festival dos Abrazos conta co patrocinio do Consorcio de Santiago e a colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feitoaman, integrada no Festival dos Abrazos; o Festival de Cine Euro-Árabe Amal; La Caixa de Barcelona e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC.

Direcciones relacionadas



Compartir: