ALCALDÍA

O alcalde felicita a Córdoba pola elección como sede da Copa Davis e agradece o traballo da candidatura compostelá

03/08/2011 Minutos despois de coñecer a elección de Córdoba como sede da semifinal da Copa Davis, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa felicitou á cidade andaluza, á súa Corporación e aos seus cidadáns. Do mesmo xeito agradeceu o "excelente traballo" realizado pola candidatura compostelá e manifestou que esta experiencia servirá de estímulo para futuras candidaturas de Santiago a organizar eventos deportivos internacionais.

O alcalde foi informado pola Federación Española de Tenis de que a elección de Córdoba en detrimento de Santiago se produciu tras unha "votación moi reñida". Aínda sen coñecer os detalles da mesma, quixo felicitar a "todas as persoas que traballaron a un ritmo frenético para ter lista a candidatura de Santiago". Afirmou que se presentou unha candidatura "extraordinariamente sólida, preparada e co respaldo das institucións e dos organismos federativos.

Tamén tivo agradecemento para os apoios recibidos nos últimos días e que "serviron para ir superando obstáculos". "Estamos orgullosos do esforzo realizado, que colocou a Santiago nun primeiro nivel deportivo nacional e que permitiu chegar ao final do proceso de selección", reiterou. Neste sentido, referiuse aos plans de transporte, comunicación e deportivo presentado.

Todo isto, dixo, "sérvenos de experiencia para preparar outras futuras candidaturas" a eventos deportivos de carácter internacional. "Demostramos que aquí estamos e seguiremos loitando", engadiu. Esta opción a grandes acontecementos deportivos "non é incompatible co apoio aos nosos deportistas e aos nosos clubs", recalcou, recordando o compromiso do Goberno municipal neste eido.

Compartir: