ALCALDÍA

O Plan de Rede do Metro Lixeiro de Santiago estará listo no mes de outubro

02/08/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, mantiveron unha reunión en Raxoi, na que se analizaron as cuestións que o departamento autonómico ten en marcha na cidade de Santiago, coma o metro lixeiro, a variante de Aradas ou o saneamento e abastecemento, e outras nas que participa, como a conexión da Cidade da Cultura coa AP-9 ou a nova estación depuradora da Silvouta.

No ámbito da mobilidade, o responsable de obras públicas da Xunta confirmou ao alcalde que no mes de outubro estará listo o Plan de Rede do Metro Lixeiro. Este estudo é o primeiro que se realiza para analizar a viabilidade técnica e económica de implantar unha rede de metro lixeiro na área de Santiago de Compostela.

Cómpre recordar que a Xunta de Galicia adxudicou o estudo de viabilidade e o anteproxecto do metro lixeiro de Santiago, que dará servizo a toda a área metropolitana, á empresa TYPSA, que dispón de 30 meses para a materialización destes traballos por un importe de adxudicación de 447.586 euros. Conde Roa expresou a súa satisfacción por esta tramitación e confiou en que "no primeiro trimestre de 2012 poida saír a información pública o estudo".

Este proxecto está caracterizado pola intermodalidade, xa que se estudará especialmente unha solución técnica que permita potenciar a conexión do aeroporto de Lavacolla coa cidade, a área metropolitana e o sistema de transporte público de Galicia. Tamén se analizará de xeito especial a viabilidade técnica e económica da conexión entre o aeroporto e a liña de Alta Velocidade do Eixo Atlántico. A Consellería de Medio Ambiente aposta ademais por un deseño que ofreza servizos entre ámbitos especialmente significativos, como a zona monumental e a Cidade da Cultura.

Tal e como destacou Hernández, a Xunta pretende que este proxecto teña unha ampla participación pública, polo que se terán en conta as consideracións da comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano, e de xeito particular, as achegas que poidan realizar os concellos implicados.

Variante de Aradas
Outro dos temas tratados no decurso da reunión foi a Variante de Aradas, sobre a que o conselleiro avanzou que se someterá a información publica a finais de setembro. Hernández destacou que esta actuación incide na calidade de vida de máis de 92.000 habitantes de Santiago, mellorando ademais a seguridade viaria.

Unha das razóns que xustifican esta infraestrutura é que permitirá o acceso dende a estrada de Carballo ao Polígono do Tambre, desviando un importante volume de tráfico que actualmente circula polo barrio de Vite. Ademais, esta actuación servirá como variante noroeste do núcleo urbano de Santiago.

Destinarase un investimento de preto de 6 millóns de euros para a futura execución desta estrada, da que se inicia agora a redacción do proxecto, que comunicará directamente o Polígono do Tambre coas estradas Santiago- Santa Comba (CP-0701) e Santiago- Trazo (CP-7804).

O vial iniciarase nas estradas Santiago- Santa Comba e Santiago- Trazo, cunha intersección no núcleo de Vilares, outra coa estrada de Sar de Abaixo e Marzo e finalmente rematará no Polígono do Tambre. A lonxitude da infraestrutura viaria será de aproximadamente 1,6 km, tratándose dunha estrada convencional que quedará deseñada para unha velocidade de 80km/h. Cabe citar que será precisa a construción dun viaduto á altura do río Sarela.

Conexión da AP-9 coa Cidade da Cultura
Sobre a conexión da AP-9 coa Cidade da Cultura, o conselleiro indicou que o departamento adxudicou a redacción do proxecto de trazado e construción deste enlace. O proxecto consiste na execución dun novo enlace no punto quilométrico 70 + 000 coa glorieta existente na actualidade e que da acceso á Cidade da Cultura. A través desta infraestrutura enlazarase ademais co viario urbano de Santiago na zona de O Viso-Sar, nas proximidades do Auditorio –Multiusos do Sar.

Hernández apuntou que o proxecto foi remitido ao Ministerio de Fomento, co desexo de que este o inclúa como acceso adicional no proxecto de ampliación da AP-9. "Estamos negociando para que o Ministerio asuma o seu custo", engadiu.

Saneamento e depuradora
Agustín Hernández tamén adiantou que Xunta e Concello concretarán un convenio para incrementar a cobertura do saneamento do rural compostelán. "Non é normal que aínda haxa veciños que non teñan uns servizos en condicións, afirmou. Por iso, técnicos de ambas administracións reuniranse para concretar as actuacións que se incluirán no convenio, así como a súa priorización. O alcalde cualificou este anuncio como unha "excelente noticia", recordando o compromiso municipal neste eido.

Xa en relación á futura estación depuradora de augas residuais (EDAR), o conselleiro afirmou que a Xunta mantén a súa posición de achegar algo máis de 10 millóns de euros ao proxecto, o que suporía o 15% do investimento, a porcentaxe que o Goberno autonómico destina a proxectos cualificados como de interese xeral. Hernández agarda que o Ministerio "mova ficha".

Sobre esta cuestión, Conde Roa apoiou a postura da Xunta e resaltou a súa disposición a "facer unha aportación por riba do esixido". Reiterou a intención de solicitar un cambio de ubicación da depuradora da Silvouta, río abaixo, por ser esta situación "a de menor impacto ambiental" e "a que non prexudica a ninguén". "Tentaremos manter reunións coa Administración Central", dixo, co obxectivo de que "non existan máis retrasos".

Etapa de colaboración
O encontro supuxo a primeira visita institucional de Hernández a Raxoi logo do nomeamento do novo alcalde. O conselleiro manifestou o seu desexo de que esta xuntanza marque o comezo dunha etapa caracterizada polo "entendemento, a colaboración e a coordinación". Conde Roa referendou estas palabras e agradeceu ao conselleiro a súa "sensibilidade" coa cidade de Santiago.

Copa Davis
Preguntado pola elección da sede da semifinal da Copa Davis, o alcalde compostelán amosouse "esperanzado", pero afirmouse na necesidade de ser "prudente" ata non coñecer a decisión definitiva.

Compartir: