ALCALDÍA

Conde Roa promoverá a creación dunha asociación de padroneses en Santiago

27/07/2011 Como cada ano, as Festas do Apóstolo incluíron unha xornada dedicada a Padrón. Ao igual que sucede co Día de Santiago nas festas da Pascua de Padrón, foi ocasión para renovar os lazos sentimentais, históricos e culturais que unen estas dúas localidades.

O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, declarouse "encantado como padronés de nacemento" de recibir á Corporación de Padrón. Expresou a súa "especial sensibilidade" cara as demandas da vila e comprometeuse a apoialas nas medida das súas posibilidades.

Recordou Conde Roa que "en Santiago viven centos de padroneses", polo que ten intención de promover a creación dunha asociación de padroneses en Santiago "para satisfacer as súas demandas e atendelos mellor". A propósito do Día de Padrón, destacou a novidade introducida este ano da ofrenda floral a Rosalía de Castro.

Pola súa parte, o rexedor padronés, Antonio Fernández Angueira, afirmou que quere "potenciar este irmandamento, especialmente no aspecto turístico", ampliando a información sobre Santiago en Padrón e reciprocamente.

Se ben recoñeceu que non estaba entre as súas competencias, pediulle apoio ao alcalde compostelán para conseguir que se "reforme e humanice" a entrada a Padrón pola estrada N-550.

A Corporación de Padrón fora recibida pola de Santiago na praza do Obradoiro, onde os alcaldes intercambiaron os bastóns de mando e onde se produciu a permuta de pendóns. Tras as intervencións dos dous alcaldes, o padronés asinou no Libro de Honra.

Homenaxe a Rosalía
Tras escoitar ás bandas municipais das dúas cidades interpretar os himnos galego e español, as dúas comitivas municipais dirixíronse ao Panteón de Galegos Ilustres. Alí realizaron unha homenaxe a Rosalía de Castro, co acendido dunha chama votiva.

Nas intervencións lembrouse a figura da poeta e o seu papel como nexo común entre Padrón e Santiago. Para rematar o acto, un gaiteiro interpretou "Negra Sombra".

Cómpre recordar que neste 2011 cúmprense 20 anos do traslado dos restos da poeta a este lugar dende o cemiterio de Iria Flavia.

Direcciones relacionadas



Compartir: