ALCALDÍA

O presidente da Xunta asume compromisos co alcalde en seis ámbitos de investimento

27/07/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, mantivo unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Na mesma, repasaron a situación dos investimentos autonómicos en Santiago de Compostela. Tras a reunión, o alcalde cualificouna como "extremadamente positiva".

Segundo explicou Conde Roa, entre os temas dos que falaron estaba o proxecto de unión do polígono do Tambre coa estrada de Santa Comba, a chamada variante de Aradas, da que a Xunta xa iniciou a tramitación. Tamén nesta materia, o titular autonómico comprometeuse a rematar en 2011 a mellora da estrada entre O Castiñeiriño e Os Tilos, así como, no ámbito da mobilidade, a manter o servizo regular de transporte co aeroporto e a seguir mellorando o transporte metropolitano.

Sobre os centros de saúde de Galeras e Conxo, Núñez Feijóo afirmou que "se o Ministerio de Economía e Facenda evacúa o informe preceptivo, estamos en condicións de licitalos este mesmo ano". Xa no eido do benestar social, Benestar Social, recordou que se vén de licitar o centro de recuperación integral para as vítimas de violencia de xénero, co fin de iniciar as obras á volta do verán.

O polígono industrial da Sionlla é a prioridade da Xunta en materia económica en Santiago, indicou o seu presidente. Apuntou que esta infraestrutura neste mesmo 2011 estará rematada esta infraestrutura, que supuxo un investimento de 84 millóns de euros para por en servizo 1.300.000 metros cadrados. Deles, anunciou, "60.000 metros cadrados xa están vendidos, e outros 300.000 reservados". E no capítulo xudicial, o compromiso autonómico é o de rematar o novo edificio dos xulgados en 2012.

Cidade da Cultura
No ámbito cultural, o titular da Xunta e o alcalde de Santiago falaron da Cidade da Cultural. Conde Roa declarou a súa satisfacción porque a finais de 2011 se inauguren os outros dous edificios (o museo e o edificio tecnolóxico), polas obras de reurbanización do entorno do Gaias e pola presentación en novembro da programación cultural.

Sobre a conexión coa AP-9, Núñez Feijóo referiuse ás negociacións co Ministerio de Fomento. "Na Xunta estamos redactando o proxecto de conexión e agardamos que, unha vez o Ministerio teña o proxecto, o inclúa no proxecto de ampliación da AP-9", dixo.

Casa da Xuventude e apoio á Copa Davis
O rexedor compostelán tamén lle falou ao titular da Xunta da decisión de demoler a Casa da Xuventude. "Vaise encargar xa o proxecto de demolición e estará listo unha vez que a Xunta reubique os servizos que alí se están prestando", declarou Conde Roa. Núñez Feijóo dixo respectar esta decisión e comprometeuse a buscar unha ubicación alternativa.

Ademais, Conde Roa pediulle ao presidente da Xunta o apoio institucional para a posible organización na Cidade da Cultura semifinal da Copa Davis. Ao respecto, este indicou que é "un proxecto moi ambicioso", polo que "manteremos unha actitude receptiva e de colaboración leal". Desexoulle a Santiago "sorte" coa candidatura.

Tras tratar todas estas cuestións, o alcalde agradeceu ao presidente da Xunta o seu "interese polos investimentos na cidade e polo seu apoio a proxectos futuros". Pola súa parte, Núñez Feijóo agarda que "as liñas de colaboración institucional co Concello se manteñan e se incrementen" e considerou "máis necesario que nunca" abrir un diálogo "frutífero e permanente".

Compartir: