ALCALDÍA

Cincuenta nenos do Campamento Urbano de Santiago coñecen os beneficios das conservas

26/07/2011 O alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, acompañou á conselleira do Mar, Rosa Quintana, nunha visita aos obradoiros da campaña Ponlle as pilas ao teu bocata que se desenvolveron no parque de Belvís, en Santiago de Compostela. A iniciativa, impulsada pola Consellería do Mar en colaboración coas Consellerías de Educación e Sanidade e de Anfaco-Cecopesca, pretende fomentar o consumo de conservas de peixe e moluscos entre entre os máis cativos e transmitirlles a importancia das súas achegas nutritivas.

A campaña estase a desenvolver en campamentos urbanos de toda Galicia ao longo de todo o verán. Así, arredor de 6.000 nenos e nenas de entre 5 e 16 anos, de 100 concellos de toda Galicia poderán degustar nestes campamentos bocadillos de conservas de produtos do mar como mexillón, atún ou sardiñas. Hoxe foi a quenda do campamento compostelán, no que participaron 50 nenos.

Os obradoiros que se desenvolven nos campamentos consisten nunha explicación participativa sobre o consumo do peixe os beneficios das conservas e nunha xincana de obstáculos en forma de circuíto, que reflicte de xeito simbólico a pesca, o procesamento do produto, a conservación medio ambiental e a clasificación dos peixes e mariscos. Por último, os pequenos elaboran os seus bocatas a base de conservas para a súa posterior degustación.

A través destas actividades, a Consellería pretende promover o consumo das conservas entre os rapaces e que se familiaricen co mundo da conserva de peixe e marisco para aumentar o interese por este produto e os seus coñecementos sobre as distintas especies de peixe e molusco e as súas características nutricionais. A campaña Ponlle as pilas ao teu bocata tamén estivo presente durante o curso nas aulas de colexios públicos e en diferentes eventos deportivos e culturais.

Compartir: