OFRENDA

Pilar Rojo pide ao Apóstolo que guíe os gobernantes na busca de "decisións sabias e acaídas ás necesidades do momento"

25/07/2011 A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, realizou a tradicional Ofrenda Naciona ao Apóstolo Santiago. Na mesma, lembrou especialmente a crise económica e demandou do Santo o seu amparo para os afectados pola mesma e o acerto dos gobernantes para saír desta situación.

Pilar Rojo comezou a súa intervención desexando "profundamente" a recuperación do Códice Calixtino e recordando a longa tradición de Compostela como "cidade universal" e forxadora dun "espírito de tolerancia e concordia que modelou a forma de ser do pobo galego". Repasando os 800 anos de historia da Catedral, recordou que "a Europa da tolerancia, da democracia e dos dereitos da cidadanía, que tivo neste santuario a súa primeira meta espiritual e cultural, viviu moitos momentos de dificultade e de desalento, dos que saímos grazas ao esforzo e á ilusión conxunta", engadiu.

Hoxe, dixo, "vivimos inmersos nunha grave crise económica que ten como principal consecuencia o desemprego que afecta a moitas familias". Acordouse de mulleres e mozos como os máis afectados por esta crise e recoñeceu que a mesma é "causa de desalento e incertidume para unha parte importante dos nosos concidadáns".

Por todo, a delegada rexia expresou a súa confianza en que "sexamos quen de articular solucións para as graves dificultades cotiás ás que nos enfrontamos. Solucións que, seino ben, deben nacer do esforzo conxunto de todos nós, solucións coas que poidamos construír un futuro máis xeneroso e solidario". Neste sentido, pregoulle ao Apóstolo que guíe os nosos gobernantes, para que sexan quen de adoptar decisións sabias e acaídas ás necesidades do momento. Que o ben común sexa a guía de cantas medidas se acorden".

A Ofrenda tivo momentos para demandar a intercesión do Santo para orientar ás familias como "xérmolo de convivencia e de respecto", para erradicar a violencia contra as mulleres e para alentar á xuventude a que "valore e tire proveito da educación que se lle ofrece como a fórmula máis válida para asegurar un futuro de plenitude persoal e profesional". E, en síntese, pregoulle para que axude á humanidade a "eliminar os máis graves problemas que se nos presentan, as guerras, a violencia en todas as súas manifestacións, a fame, as formas diversas de escravitude moderna e o terrorismo, azoutes particularmente dolorosos na época que vivimos".

Un cambio interior
Na súa homilía, o arcebispo compostelán, Julián Barrio, solicitou unha "Europa aberta á fraternidade" e, para saír da crise económica, reclamou un cambio "no noso interior". En calquera caso, pediulle ao Apóstolo polas persoas máis afectadas, para que poidan recuperar a confianza.

Barrio tamén lembrou "as persoas que morreron como consecuencia do terrorismo sempre irracional", e pregou polos "gobernantes e por todo os que están ofrecendo os seus mellores esforzos para o lograr o ben común e construír unha sociedade mellor".

Antes da cerimonia relixiosa, a delegada rexia realizara o pase de revisa ás tropas na praza do Obradoiro e saudara as autoridades. Finalizada a misa, Pilar Rojo dirixiuse ao Pazo de Raxoi, onde asinou no Libro de Honra e realizou unha breve intervención.

Música con Berrogüetto e animación na rúa
Durante toda a xornada, composteláns e visitantes ateigaron as rúas e prazas para disfrutar dos pasarrúas e das atraccións da Alameda e para vivir o ambiente deste día grande do Apóstolo.

Xa pola noite, a música púxoa Berrogëtto na praza da Quintana. E para os amantes do Pop, o programa Emerxentes levou ao Paseo dos Leóns da Alameda os grupos Tapiporla e Sinestesia.

Compartir: