CONSORCIO

O Consorcio e a Fundación Catedral colaborarán nun plan de xestión da oferta cultural e turística do conxunto catedralicio

24/07/2011 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xerardo Conde Roa, presidiu o Consello de Administración do Consorcio de Santiago. Na reunión realizouse unha análise do programa do 800 Aniversario da Catedral de Santiago e aprobouse unha proposta de colaboración entre o Consorcio de Santiago e a Fundación Catedral de Santiago para a posta en marcha dun plan de xestión da oferta cultural e turística do conxunto catedralicio. Os aspectos técnicos e xurídicos desta colaboración serán establecidos nunha próxima reunión da Comisión Executiva do Consorcio de Santiago.

Esta iniciativa enmárcase no ámbito de colaboración que o Consorcio e o Catedral de Santiago estableceron en decembro de 2010 en relación ao 800 Anivesario da Catedral de Santiago e vai permitir que o Consorcio apoie financeiramente á Catedral para implantar un modelo de xestión autosostible que permita a futura autofinanciación da Catedral e axude ao mantemento continuo do conxunto partindo dos ingresos que el mismo xenere. Trátase, polo tanto, dunha axuda para garantir a sostibilidade económica da Catedral e potenciar a súa natureza de centro de peregrinación e canle de comunicación de cultura, fe e pensamento occidental.

O órgano que liderará todo este proceso será a Fundación Catedral de Santiago, que entre os seus fins ten os de promover e difundir o patrimonio artístico e cultural da Catedral de Santiago. A axuda do Consorcio de Santiago concrétase nun apoio financeiro durante 5 anos, que vai permitir a posta en marcha dunha Oficina Técnica que xestione o plan de obras de restauración e de conservación contempladas no Plan Director da Catedral de Santiago, así como a adecuación e mellora do acceso público a espazos de especial valor histórico e artístico, como a Torre do Reloxo ou o Pazo de Xelmírez, entre outros. Cómpre destacar, seguindo a filosofía do Cabildo da Catedral, que nunca se vai recorrer a cobrar por entrar na Catedral.

Este plan de xestión permitirá compatibilizar o culto, principal uso da Catedral de Santiago, coa súa explotación turística e cultural, a partir da interiorización dos custos necesarios para o seu adecuado mantemento.

Previo ao Consello de Administración, hoxe reuniuse tamén a Comisión Executiva do Consorcio de Santiago. Nela deuse visto bo a subvencións relativas ao Programa de rehabilitación de locais comerciais na Cidade Histórica (6.010 euros) e Programa de elementos singulares de madeira (6.126 de euros). Tamén se deu luz verde ao prego de condicións relativo á concesión da cafetería que se ubicará na nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago, que se está a construír na praza de Praterías, no antigo edificio do Banco de España. Esta cafetería estará ubicada no baixo cuberta do edificio, cunhas inmellorables vista cara á Torre do Reloxo da Catedral e contará cun mobiliario acorde co novo Museo. Concíbese cunha filosofía que combine o seu uso como cafetería e punto de encontro co dun restaurante de calidade e cociña creativa. Estará aberto ao público en xeral, non só aos vistantes do Museo.

Compartir: