FESTAS

Alfonso González recomenda aos composteláns "camiñar en silencio" pola vida

21/07/2011 O limpabotas do aeroporto de Lavacolla, Alfonso González Puentes, abriu unha nova edición das Festas do Apóstolo co seu pregón. Os composteláns e visitantes que se achegaron ata a praza do Obradoiro puideron escoitar as palabras dun home entrañable e namorado da cidade e do silencio. Logo, a festa continuou na Quintana coa música de La Unión e El Pulpo.

Alfonso González, quen foi recibido en Raxoi polo alcalde, Xerardo Conde Roa, abriu a súa intervención cunha invocación ao Apóstolo e á súa intercesión para que "devolva a esperanza do traballo aos que o perderon, a saúde solidaria, universal e gratuíta para todos". Logo, o seu discurso foi un repaso pola súa traxectoria profesional e vital, da que destacou a afección pola lectura dos clásicos da literatura universal. As referencias foron constantes na súa intervención.

Xa falando de Compostela, definiuna como unha "cidade na que o silencio é arte", onde ata a chuvia parece pedir permiso para caer". Por iso, animou os veciños a facer o Camiño "en silencio, a modiño". "Camiñemos en silencio, demostrando o espírito apacible que recomendaba o Apóstolo", insistiu.

Non obstante, liberou aos santiagueses dese compromiso co silencio durante as festas: "Durante estes días poderemos saltarnos un pouquiño esta apacibilidade, pois en ocasión tamén é necesaria a festa, a palabra un pouco máis alta do habitual. De feito, pode que só así valoremos a importancia do silencio". Iso si, encomendounos a divertirse con "moderación e civismo" e a recibir ao forasteiro con "hospitalidade".

Alfonso González pechou o seu pregón cunha mensaxe de optimismo. "Que estas festas sirvan tamén para que renovemos a nosa capacidade de soñar, para que non nos afundamos no mar da autocompasión, un mar no que, por certo, nada se pesca".

Documentos relacionados



Compartir: