CONSORCIO

Últimos días para visitar "Domus Iacobi"

19/07/2011 Máis de 22.000 persoas xa entraron no Colexio de Fonseca dende o mes de abril para admirar a exposición Domus Iacobi, cando quedan cinco días para o seu peche. A mostra concentra unha selección de pezas representativas das diferentes fases construtivas da Catedral, dende a primitiva basílica prerrománica ata os nosos días, facendo especial fincapé na asombrosa obra da Catedral románica, consagrada agora hai 800 anos. Ademais, o Consorcio de Santiago e o Cabildo catedralicio publicaron un catálogo da exposición, dispoñible no mesmo Colexio de Fonseca, no que se documentan de forma detallada cada unha das pezas expostas.

A exposición permite tamén ver por primeira vez obras medievais que nunca antes estiveron expostas ao público, como as dúas figuras dos personaxes bíblicos Isaac e Abraham, procedentes da primitiva fachada occidental deseñada polo Mestre Mateo, e que pertencen á familia do xeneral Franco, logo de que o Concello de Santiago llas regalase na década dos anos 40.

A mostra está organizada polo Cabildo da Catedral e o Consorcio de Santiago e compleméntase co Museo da Catedral, a poucos pasos do Colexio de Fonseca. De feito, co billete de entrada á exposición Domus Iacobi obtense un 40% de desconto na entrada ao Museo da Catedral. Desenvólvese en nove ámbitos nos que, seguindo unha orde cronolóxica, abórdanse os principais fitos na historia da Catedral.

O momento da consagración, o 21 de abril de 1211, convértese en punto de inflexión e ocupa un lugar protagonista no percorrido da exposición. A partir dese punto, a exposición invita a facer un percorrido pola historia da Catedral, dende as súas orixes co descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago no século IX ata os nosos días, abríndose unha porta ao futuro coa posta en marcha das actuacións do Plan Director da Catedral, que permitirá, nos próximos anos, realizar o maior proxecto de conservación e restauración en relación ao conxunto catedralicio. Precisamente, a remodelación do Museo da Catedral, que complementa esta exposición, é unha das primeiras actuacións asociadas ao programa do 800º Aniversario impulsado polo Consorcio de Santiago e o Cabildo da Catedral.

Compartir: