ALCALDÍA

Compromiso municipal para axilizar as expropiacións dos terreos para o futuro Instituto de Ciencias do Patrimonio

19/07/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, reuniuse co coordinador do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, Uxío Labarta. No encontro falaron do estado actual do proxecto do futuro Instituto de Ciencias do Patrimonio, que se situará nas Brañas do Sar.

Tras a reunión, Conda Roa explicou que "o proxecto xa está presentado no Concello e agora hai que iniciar o procedemento de expropiación para poñer os terreos a disposición do CSIC". Neste sentido, indicou que "adquirimos o compromiso de axilizar ao máximo o procedemento", recordando que, ao ser unha iniciativa de interese social, "pódese producir unha expropiación relativamente rápida".

Neste mesmo sentido, Uxío Labarta apuntou que "no momento en que se perfeccionen as expropiacións, estaremos en condicións de sacar a concurso a construción, para que estea lista antes de dous anos e medio".

Proxecto construtivo
Cómpre lembrar que o Instituto de Ciencias do Patrimonio é unha construción promovida polo Consorcio de Santiago, que convocara un concurso para elixir o proxecto arquitectónico. Este foi realizado polo estudo Pesquera Ulargui, firma asentada en Madrid e formada polos arquitectos Jesús Ulargui e Eduardo Pesquera.

A proposta gañadora fora seleccionada en base á súa integración no entorno e á resolución arquitectónica e funcional do programa. Tamén se consideraron aspectos como a sinxeleza e a economía da construción, o aforro no consumo de enerxía, a xestión da auga ou o custo do mantemento posterior do edificio. A súa arquitectura apenas sobresae do terreo e está conformada por diferentes estruturas cúbicas interconectadas entre si e que conteñen tanto os despachos, na súa parte externa, como os almacéns, laboratorios e centro de documentación, na súa parte interna.

Destaca a orixinalidade da cuberta, conformada por un manto vexetal, que actúa a modo de alfombra verde en continuidade coa paisaxe. Os despachos ábrense ao oeste, sobre a ladeira, a modo de ollos sobre a cidade e as Brañas de Sar. Estas estancias están tratadas coma mobles, o que permitirá unilas ou separalas segundo as necesidades.

No que se refire á enerxía, a nova construción será un edificio de fácil mantemento, capaz de xestionar os recursos enerxéticos de forma eficiente. Os materiais construtivos e os revestimentos garanten o maior aforro posible e, grazas á adaptación do edificio ao terreo e á súa cuberta vexetal, unha cámara de aire intermedia e ventilada permitirá, mediante un sinxelo sistema de apertura e peche en verán e inverno, que o circuíto de renovación de aire por "plenum" sexa utilizado como aporte gratuíto de frío e calor para o illamento. Tamén contará cunha implantación de chan radiante e un conxunto de paneis termodinámicos para a produción de auga quente.

O novo edificio ocupará unha superficie total construída de 3.776 metros cadrados, distribuídos en dúas plantas. A construción do edificio suporá un investimento por parte do CSIC de 6.103.000 euros.

Compartir: