ALCALDÍA

O Concello aproveitará as inminentes obras da praza de Abastos para realizar os estudos do estacionamento subterráneo

19/07/2011 As obras da praza de Abastos están a piques de comezar. Unicamente están pendentes do nomeamento, por parte do Ministerio de Fomento, dos directores de obra e de seguridade, segundo lle comunicou o delegado de Tragsa en Galicia, Álvaro Ansías, ao alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, nunha reunión celebrada en Raxoi.

"Son dúas contratacións que ten que facer o Ministerio de Fomento e que están a piques de realizarse. A empresa xa está realizando acopio de materiais e todo está preparado para empezar a execución das obras", indicou o alcalde, felicitándose de que "por fin" comecen estas obras, que cualificou como "fundamentais para a cidade". Á espera do trámite administrativo, confía en que os traballos poidan iniciarse "se non neste mes, no de agosto".

Conde Roa valorou un proxecto que "vai quedar moi ben". En particular, expresou a súa satisfacción porque estea descartada a posibilidade, nalgún momento contemplada, da construción dun supermercado nunha das naves. "Esta cuestión parecíanos unha barbaridade", dixo, porque "o mercado debe preservar o seu carácter tradicional".

Recordou que o prazo de execución destas obras é de "entre un ano e medio e dous", así como a súa complexidade, "pois debe efectuarse con xente traballando, coa climatoloxía de Santiago e en pleno Casco Histórico". En calquera caso, engadiu, "procuraremos que se causen os menores trastornos posibles aos usuarios e traballadores do mercado". O orzamento está en torno aos 5,1 millóns de euros.

Catas
Preguntado polos xornalistas, rexedor compostelán aproveitou a súa comparecencia para afirmar que "seguimos pensando que hai que facer o aparcamento subterráneo na praza de Abastos". Por iso, anunciou que se aproveitará a obra para realizar os "estudos necesarios", fundamentalmente catas, cara este futuro estacionamento.

Indicou que este estacionamento "quedaría para máis adiante", recordando que as obras da praza de Abastos teñen un prazo de execución duns dous anos. "Unha vez feita a reforma da praza, cos datos que tivéramos das catas, poderíase afrontar a obra, que xa non afectaría á parte superior", concluíu.

Compartir: