ALCALDÍA

O alcalde repasou co delegado do Goberno as actuacións pendentes do Estado en Santiago

15/07/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, reuniuse en Raxoi co delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo. No encontro analizaron o estado das actuacións que o Estado ten en marcha ou en proxecto para Santiago e tamén cuestións relativas á seguridade das vindeiras Festas do Apóstolo.

Conde Roa agradeceu ao delegado do Goberno a súa visita, que supuxo "un reencontro de dous vellos amigos e compañeiros de moitos anos no Parlamento de Galicia". Púxose á súa disposición e indicou que nel terá "un colaborador leal e fiel no desempeño da súa tarefa como delegado do Goberno en Galicia".

Sobre a reunión, afirmou tamén que repasaron algunhas "cuestións pendentes", como poden ser a depuradora, a ampliación da AP-9 ou a conexión desta coa Cidade da Cultura.

Pola súa parte, Miguel Cortizo falou da importancia da colaboración entre Administracións "porque do que se trata é de resolver os problemas dos cidadáns". Ademais de tomar nota das demandas das demandas municipais en relación aos investimentos pendentes do Estado, o delegado do Goberno anticipou un "dispositivo moi amplo" para garantir a seguridade nas Festas do Apóstolo.

Compartir: