XUNTA DE GOBERNO

O Goberno municipal establece un maior control orzamentario e de gasto no Concello

15/07/2011 A Xunta de Goberno local aprobou en sesión urxente medidas para un control máis exhaustivo do orzamento e do gasto no Concello. Así o explicou a súa voceira, Paula Prado, indicando que "cada gasto será autorizado e fiscalizado polos servizos económicos".

Este maior control vai supor que incluso os contratos menores deberán ser autorizados previamente pola Concellería de Facenda. Ata agora, segundo a voceira da Xunta de Goberno, os concelleiros podían realizar gastos sen autorización de ata 12.000 euros, que logo se remitían a Facenda. Isto ten provocado a aparición de "facturas fantasma" e "gastos en partidas orzamentarias sen ningún tipo de rigor", indicou.

Esta aposta pola "disciplina orzamentaria" e pola "disciplina de gasto" tradúcese tamén na redución do límite para gastos urxentes de 30.000 a 22.000 euros. Ademais, preténdese "evitar que se use inadecuadamente ese procedemento".

Preguntada polos prazos para este procedemento, Paula Prado apuntou que a concelleira de Facenda se comprometeu a "facelo o máis áxil posible". En calquera caso, reiterou, estas medidas "van en beneficio do procedemento de control do gasto".

Compartir: