CONSORCIO

Os Fogos do Apóstolo incorporarán as últimas tecnoloxías de realidade virtual

15/07/2011 Presentáronse na sede do Consorcio de Santiago os Fogos do Apóstolo 2011, que este ano realizará a empresa GPD (General de Producciones y Diseño). O evento inclúe o espectáculo de luz, son e pirotecnia da noite do 24 de xullo dende a praza do Obradoiro, cunha duración de 30 minutos, un resumo deste para as noites do 25 ao 30 de xullo e un castelo de fogos de artificio para a noite do 31 de xullo, que se ubicará na Alameda.

A proposta creativa de GPD incorpora por primeira vez na historia dos Fogos as últimas tecnoloxías de realidade virtual aplicada á proxección sobre monumentos. O proxecto emprega a técnica do mapping, que permite obter efectos de movemento (chamados 4D) que producen un grande efecto de realismo, cunha marcada sensación de volume. Trátase dunha técnica novidosa que pode recrear atmosferas e espazos en lugares onde non existen.

Tamén se utilizará a tecnoloxía do warping, que consiste en axustar a proxección á superficie total do edificio, coma se fose unha pel. De feito, será a primeira vez que o warping se aplique sobre unha fachada das características do Obradoiro, dunha complexa arquitectura barroca, e cunha potencia de proxección nunca antes empregada. Así, a fachada non será unha mera pantalla sobre a que proxectar, senón que se fundirá coa imaxe formando un todo, cheo de dinamismo e movemento.

Sete secuencias
O obxectivo é que a Catedral teña vida propia, que se achegue ao espectador, convivindo con el, abrindo as súas portas e ventás e permitindo ao espectador penetrar no seu interior. A superficie das proxeccións multidimensionais abarcará tamén as fachadas do Pazo de Xelmírez e do Claustro da Catedral.

Debido as características desta nova tecnoloxía, e co fin de aproveitar toda a superficie da fachada, non se contempla a queima da fachada neogótica, o que garante unha maior espectacularidade das recreacións virtuais.

O guión do espectáculo articúlase en sete secuencias (O bosque animado, A barca de pedra, Campo de estrelas, Construcións e deconstrucións, O Pórtico da Gloria, A Vía Láctea, o Camiños e as súas catedrais e Visitantes virtuais), que a través da imaxe, do son, da luz, da música e da pirotecnia rememoran o proceso construtivo e a historia da Catedral de Santiago.

Un resumo do mesmo espectáculo, duns 10 minutos de duración, repetirase entre os días 25 e 30 de xullo, na praza do Obradoiro.

No que se refire a pirotecnia, os Fogos do Apóstolo do 24 de xullo incluirán o disparo de máis de 4.200 artefactos (2.200 kilogramos). Os espectáculos das noites do 25 ao 30 de xullo tamén incorporarán unha pequena parte de pirotecnia. Por último, o castelo de fogos artificiais do 31 de xullo, na Alameda, de 15 minutos de duración, estará formado por 1.576 artefactos.

O espectáculo foi presentado nunha rolda de prensa na que participaron o alcalde e presidente do Consorcio, Xerardo Conde Roa; o concelleiro de Cultura, Angel Curras, o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; e o director de eventos de GPD, Francisco Javier Sánchez

Concurso
A mesa de contratación do Consorcio de Santiago resolveu o concurso do deseño, produción, montaxe e realización dos espectáculos nocturnos das Festas do Apóstolo a favor da proposta da empresa GPD (General de Producciones y Diseño) por ser a que mellor se adecuada ás condicións estipuladas no prego do concurso público convocado.

Xunto a GPD concorreron outras seis empresas: Pirotecnia Caballer, Parente Fireworks, Thematica Events, Focus, Aira Multimedia e Pirotecnia Xaraiva. A oferta económica de GPD é de 399.400 euros, IVE incluído, o que supón unha baixa de 10.600 euros con respecto ao tipo de licitación, 410.000 euros. O seu proxecto foi o mellor puntuado dende o punto de vista técnico.

A empresa GPD incorpora na súa proposta un equipo técnico adscrito, formado polo escritor, xornalista e guionista Miguel Anxo Murado (como responsable dos contidos do espectáculo) e a arquitecta Diana Jusdado (responsable da adecuación e respecto ao entorno patrimonial). A responsable da parte pirotécnica dos espectáculo será a empresa RICASA (Ricardo Caballer S.A.), que xa organizou os Fogos do Apóstolo en 2008.

HORARIOS

24 de xullo, 23:30 h Fogos do Apóstolo Praza do Obradoiro

25 a 30 de xullo, 23:30 h Espectáculo multimedia Praza do Obradoiro

31 de xullo, 23:30 h Castelo de fogos de artificio Alameda. Escalinata do Campus Sur

Compartir: