BENESTAR SOCIAL E SEGURIDADE CIDADÁ

Paula Prado e Albino Vázquez falaron co Valedor do Pobo sobre medidas para evitar o consumo de alcohol por menores

14/07/2011 Os concelleiros de Benestar Social e Familia, Paula Prado, e de Seguridade Cidadá, Albino Vázquez, reuníronse co Valedor do Pobo, Benigno López. Na xuntanza falaron sobre as recomendacións que a institución realiza para evitar o consumo de alcohol entre menores e sobre posibles medidas a adoptar.

Tras a reunión, a concelleira de Benestar Social, Paula Prado, comentou algunhas das medidas que dende o Concello se están a valorar para combater o consumo. Así, comentou a posibilidade de campañas de sensibilización para evitar que os establecementos comerciais vendan alcohol a menores.

Noutro ámbito, apostou pola realización de controis a primeiras horas da noite e, xa no eido familiar, cre necesario implicar aos pais na adopción de medidas nesta materia. Tamén considera necesario recordar e dar a coñecer a Lei 11/2010, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade. Esta, entre outras medidas, contempla sancións de ata 600 euros que deberían sufragar os pais.

O Valedor do Pobo remitira ao Concello na anterior lexislatura un expediente cunha serie de recomendacións sobre este tema ás que, segundo explicou Paula Prado, non se dera resposta. Á vista do expediente incompleto atopado -dixo a edil- o Goberno municipal decidiu solicitar de novo o expediente. Á volta do verán, o letrado instrutor remitirá este documento de novo ao Concello.

Compartir: