ALCALDÍA

Conde Roa avoga por un axuste orzamentario e por un cambio de formato para o Fórum Gastronómico 2012

14/07/2011 Tras manter unha reunión cos organizadores do Fórum Gastronómico, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, indicou que o Concello cre necesario un axuste orzamentario neste evento e tamén algún cambio de formato no mesmo. En particular, a principal esixencia municipal é que a empresa sexa a que asuma a organización do Fórum e que as Administracións, e entre elas o Concello, axuden coas súas achegas.

"Imos ver ata onde podemos chegar as Administracións e que parte é a que debe asumir a organización a través da busca de patrocinios ou venda de espazos", apuntou Conde Roa, aclarando que sería a organización a que "buscaría gran parte do financiamento". En calquera caso, dixo, o orzamento estará por debaixo do millón de euros de orzamento aproximado da anterior edición.

Lembrou que no Fórum de 2010 o Concello achegara uns 240.000 euros e outras administracións da orde de 530.000, asumindo a organización a propia empresa municipal de turismo, Incolsa. Agora, reiterou, será a empresa a que aborde "á súa conta e risco" a organización, e as Administracións "axudarían". Malia o cambio de modelo, Conde Roa confirmou o interese da empresa por estudalo.

O rexedor municipal apuntou que se vai analizar "partida por partida" do orzamento do evento, cun obxectivo claro de "reducir custos". Será na reunión da vindeira semana onde a empresa poida determinar ata onde pode chegar na captación de financiamento e onde o Concello poida aclarar ata onde poden chegar os recursos municipais e do resto de administracións.

Conde Roa, que valorou o impacto que un evento como o Fórum ten na promoción de Santiago e de Galicia como destino gastronómico, apostou tamén por "algún pequeno cambio" no formato do mesmo.

Compartir: