ALCALDÍA

O alcalde e o secretario xeral iberoamericano afianzan os lazos entre Santiago de Compostela e América Latina

13/07/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, reuniuse co secretario xeral iberoamericano, Enrique Iglesias. Tras unha recepción no Salón Nobre, ambos visitaron a Cidade da Cultura, acompañados polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela.

Conde Roa indicou que para a cidade e para a Corporación era un "honor" recibir a Enrique Iglesias, persoa "cun currículo inmenso e dedicado practicamente en toda a súa vida ao servizo público". Entre os premios e recoñecementos, o secretario xeral iberoamericano comparte un co Camiño de Santiago: o Premio Príncipe de Asturias da Concordia.

Despois de recordar a vocación internacional e de acollida de Santiago, referiuse aos lazos que unen a nosa cidade con América Latina a nivel "económico, cultural e de coñecemento". En particular, recordou a "longa tradición de intercambios da Universidade de Santiago con universidades latinoamericanas" ou a presenza do nome de Santiago como referencia en numerosas cidades do Continente. Con algunhas destas cidades Compostela mantén relacións de cooperación que Conde Roa pretende manter e intensificar.

"Estou convencido de que o futuro de España pasa por Iberoamérica", apuntou o rexedor compostelán antes de convidar a Enrique Iglesias a volver de novo a Santiago, esta vez como peregrino, anhelo que lle manifestou o dirixente americano na reunión previa.

Santiago como símbolo de fe e esperanza
Pola súa parte, o secretario xeral iberoamericano declarouse "emocionado por chegar a esta cidade e ao monumento á fe que é a súa Catedral", a onde chegaron "milleiros de persoas en centos de anos cargados de fe e esperanza para o mundo". Nestes tempos de dificultades económicas apelou precisamente ao exercicio desa fe para saír adiante.

Recollendo as palabras de Conde Roa ao respecto, reiterou a necesidade de "valorizar o que podemos facer xuntos" Iberoamérica e España e Portugal. "Somos una comunidade unidas pola lingua, polas tradicións, por valores compartidos e formas de ver o mundo", engadiu.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: