BENESTAR SOCIAL

O Goberno local tomará medidas para evitar a participación de menores nos botellóns

11/07/2011 A concelleira de Benestar Social, Paula Prado, anunciou a solicitude dunha reunión co Valedor do Pobo, Benigno López, co fin de falar sobre "as actuacións que debemos tomar de forma inmediata" en relación á participación de menores en botellóns.

Paula Prado indicou que o Concello xa tiña recibido unha serie de recomendacións do Valedor do Pobo sobre este tema, pero que non se emitira ningunha resposta. O novo Goberno municipal quere coñecer de primeira man estas recomendacións co fin de adoptar medidas. Segundo a concelleira, "é preocupante que o 40% das persoas que participan no botellón sexan menores de idade". Acompañará á edil de Benestar Social nesta reunión, da que está pendente de fixar a data e a hora, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Albino Vázquez.

En relación a este mesmo tema, Prado anunciou que se vai a elaborar unha nova ordenanza co obxecto de dar cumprimento á Lei 11/2010, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade. Entre outras cuestións, considerou necesario fixar o catálogo de sancións ou traballos substitutivos que esta norma determina no caso de consumo de alcohol de menores na vía pública.

Se ben o obxectivo máis inmediato do Concello é impedir a participación de menores nos botellóns, a concelleira recordou que "o botellón non está permitido en Santiago". Apuntou que o Goberno municipal dará instrucións neste sentido e amosouse convencida de que "as forzas e corpos de seguridade saberán o que deben facer".

Brañas do Sar
A preguntas dos xornalistas, a concelleira tamén se recibiu ao parque de Brañas do Sar, para comunicar quo o Goberno local vai "reaxustar o proxecto" para converter esta superficie nunha "zona verde de utilidade pública". Considera que as actuacións previstas no Plan Especial aprobado polo Pleno en marzo contempla unha área que "non ía ser de utilidade pública".

Xunta de Goberno constitutiva
Xa como voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado deu conta da constitución deste órgano, que se reuniu por primeira en Raxoi. Xerardo Conde Roa preside unha Xunta de Goberno da que tamén forman parte Paula Prado, Reyes Leis, Ángel Currás, Cecilia Sierra, María Pardo, Albino Vázquez, Amelia González e María Castelao

Compartir: