MOBILIDADE

Casas Novas recupera o servizo de transporte urbano durante as fins de semana do verán

08/07/2011 O concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez Aldrey, anunciou que o barrio de Casas Novas terá servizo de autobús urbano durante as fins de semana. Dáse así resposta a unha vella demanda dos veciños, que viñan reivindicando este servizo, que xa se suprimira o verán pasado.

Vázquez Aldrey deu a coñecer esta medida tras analizar a viabilidade do servizo e despois de manter unha xuntanza coa asociación veciñal Falda do Pedroso. O edil considerou "lóxica" a súa demanda, polo que o servizo de fin de semana quedará restablecido de inmediato.

Serán seis frecuencias durante toda a fin de semana, que realizarán os autobuses da liña 13. A distribución final destes servizos ao longo do sábado e do domingo decidirase polos técnicos municipais de acordo ás suxestións dos propios veciños.

Plan de Mobilidade
Por outra parte e a preguntas dos xornalistas sobre o Plan de Mobilidade, o concelleiro indicou que se está a estudiar o documento elaborado na anterior lexislatura, con vistas a que poida entrar en funcionamento no próximo semestre. Non quixo entrar en valoracións do mesmo ata telo analizado en profundidade.

Ordenanza de residentes
Tamén se lle preguntou pola ordenanza de estacionamento para residentes, sobre a que anunciou algunha modificación para solucionar "algunhas deficiencias" e así axustala ás "necesidades reais". Puxo como exemplo destas deficiencias os casos de familiares ou coidadores que non poden acceder a coidar os seus maiores ou enfermos, ou os dos servizos profesionais que non poden aparcar cando teñen que realizar reparacións. Máis en concreto, recalcou a necesidade de axustar as necesidades das persoas que traballan en zonas de aplicación da ordenanza coa presenza de moitas prazas baleiras precisamente nesas horas laborables.

Corte de tráfico en Conxo
En materia de Tráfico, o edil anunciou que, con motivo das obras de canalización de gas é necesario cortar ao tráfico a rúa de Conxo de Arriba dende o luns 11 de xullo ao día 22. Permitirase o acceso aos garaxes e os desvíos faranse pola avenida de Ferrol e a rúa Villaldía.

Tristeza pola desaparición do Códice
Finalmente e a título persoal, Albino Vázquez expresou a súa "tristeza" polo roubo do Códice Calixtino, un documento que cualificou como "vital para a historia da cidade e para o atractivo turístico da mesma". Agarda unha pronta solución e que se recupere o documento.

Compartir: