ALCALDÍA

Clase de inglés para os máis pequenos no Salón de Plenos de Raxoi

05/07/2011 Un grupo de 35 alumnos e alumnas da Escola de Verán de Inglés realizaron unha visita ao Pazo de Raxoi, onde foron recibidos polo alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa.

Os pequenos puideron coñecer as dependencias de Raxoi, entre elas o despacho do alcalde e o Salón de Plenos, onde o rexedor compostelán dirixiu unha pequena sesión. Ademais de falar da importancia doutra das actividades da Escola, a natación, Conde Roa convidou os nenos e nenas a expresarse en inglés. Emprazounos a estudar e citounos no mesmo lugar para cando remate a English Summer School, co obxectivo de que formulen todos as súas preguntas en inglés.

Esta visita formaba parte do programa de saídas didácticas previstas na Escola de Verán de Inglés, aberta do 1 ao 29 de xullo no IES Rosalía de Castro. Dirixida a nenos e mozos de 1º de Primaria a 2º de ESO, esta oportunidade de aprendizaxe combina as clases de inglés con obradoiros lúdicos, para aproveitar o tempo de actividade non escolar e practicar e mellorar o inglés, á vez que utilizan este tempo para procurar novas relacións socializadoras.

Compartir: