ALCALDÍA

O alcalde asiste á inauguración dunha exposición retrospectiva sobre as orixes do Parlamento de Galicia

04/07/2011 O Parlamento de Galicia inaugurou a exposición Aqueles primeiros anos (1981-1989), unha retrospectiva sobre as orixes da institución e sobre o proceso de constitución do autogoberno da Comunidade Autónoma. O alcalde compostelán, Gerardo Conde Roa, asisitiu ao acto apertura da mostra, presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo.

A exposición Aqueles primeiros anos (1981-1989) está aberta ao público na planta principal do Pazo do Hórreo e ofrece ao visitante unha visión plural sobre a etapa preautonómica e as dúas primeiras lexislaturas do Parlamento de Galicia.

Ao longo desta etapa, o Lexislativo galego chegou a utilizar ata dúas sedes provisionais en Santiago de Compostela (os pazos de Xelmírez e de Fonseca) antes de trasladarse á súa ubicación actual e definitiva, o Pazo do Hórreo, construído inicialmente para albergar unha Facultade de Veterinaria pero que, por vicisitudes diversas, foi utilizado, posteriormente, como cuartel militar durante décadas.

Material diverso
A través de 24 paneis, o visitante pode efectuar un percorrido pola historia e as primeiras lexislaturas do Parlamento de Galicia, servíndose de diferente material documental, fotográfico e audiovisual.

Aqueles primeiros anos (1981-1989) enmárcase nos actos organizados polo Parlamento de Galicia para conmemorar o 30 aniversario da súa constitución, que tivo lugar o 19 de decembro de 1989.

A exposición configúrase como unha amena crónica visual, xurdida para poñer en valor a tarefa loable protagonizada polos primeiros deputados autonómicos da historia de Galicia.

Compartir: