ALCALDÍA

O alcalde realizou unha ofrenda floral na tumba do escultor Francisco Asorey

02/07/2011 O día no que se cumpriron 50 anos da súa morte, o insigne escultor galego Francisco Asorey González recibiu unha homenaxe a carón da súa tumba, no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval. O alcalde compostelán, Gerardo Conde Roa, realizou unha ofrenda floral, no que foi o seu primeiro acto institucional como novo rexedor municipal.

A homenaxe foi un acto sinxelo para honrar a memoria do quen está considerado coma unha das figuras máis importantes da escultura contemporánea. Nesta ofrenda participaron tamén, entre outros, o concelleiro de Cultura, Ángel Currás; o fillo do escultor, José Manuel Asorey; o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e o alcalde de Cambados, Luis Aragunde. Asorey naceu nesta vila pontevedresa, pero tamén é fillo adoptivo de Santiago.

Na súa intervención, o alcalde recordou a ampla traxectoria artística e vital de Francisco Asorey, cuxa escultura, destacou, encarna "o concepto de identidade, é dicir, das sensacións máis fondas e máis afectivas". "A relixiosidade, a saudade e o sentimento fixan o concepto do galego e o galego ata transformalo en sinais de identidade cultural", engadiu.

Francisco Asorey
Francisco Asorey viviu en Compostela dende 1918, despois de obter a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina. Tivo o seu primeiro taller na rúa Caramoniña, moi preto de onde repousan os seus restos. Foi profesor na Escola de Artes e na Escola de Traballo, e membro de distintas academias, como a Academia da Nosa Señora do Rosario ou a Real Academia Galega.

A súa obra está repartida por moitos lugares de Galicia, España e Sudamérica. Del son a escultura de San Francisco que preside a entrada do convento compostelán do mesmo nome, o triple capitel do Hotel Compostela o Códeo Compostelano do Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento ou a imaxe da virxe de Belvís. A escultura de bronce situada na entrada deste Concello tamén é obra súa.

A este primeiro acto de homanxe a Francisco Asorey seguiralle proximamente unha exposición e outros eventos culturais tras o verán, que permitirán coñecer mellor a vida e a obra desta figura excepcional, unha das máis prolíficas que deu a historia da Arte en Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: