ALCALDÍA

O tramo de alta velocidade entre Ourense, Santiago e A Coruña porase en funcionamento o 10 de decembro

23/06/2011 O ministro de Fomento, José Blanco, supervisou, xunto co alcalde en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo; o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández; e o delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, o grao de avance e desenvolvemento das obras da liña de Alta Velocidade Ourense-Santiago-A Coruña a bordo dun tren de probas de Adif.

No acto, Blanco anunciou que Fomento porá en marcha esta liña de alta velocidade o 10 de decembro, adiantando así os prazos previstos inicialmente na conexión Ourense-A Coruña, que fixaban a súa posta en servizo en 2012. As obras de plataforma do Eixe Ourense-Santiago están finalizadas en todos os subtramos percorridos e alcanzan un grao de execución superior ao 96% no total da liña, restando unicamente por finalizar os accesos a Ourense e Santiago, nos que se abordan as últimas fases dos traballos.

A montaxe de vía do tramo Ourense-Santiago está tamén en fase avanzada de execución, así como a construción das instalacións de seguridade, sinalización e telecomunicacións fixas, os sistemas de protección do tren, detectores de caída de obxectos á vía, telecomunicacións móbiles GSM-R e infraestrutura para operadores, instalacións de enerxía e catenaria. Ademais, entre Santiago e A Coruña levouse a cabo unha mellora integral da liña, e estase finalizando a súa electrificación.

A posta en marcha da liña Ourense-Santiago de Compostela-A Coruña, duns 150 quilómetros de lonxitude, contribuirá á vertebración socioeconómica da comunidade galega e reducirá os actuais tempos de viaxe. Esta primeira liña de alta velocidade en Galicia supuxo un investimento de máis de 3.300 millóns de euros.

Subtramos percorridos
A visita desenvolveuse no traxecto comprendido entre a Base de Montaxe do Irixo (Ourense), no subtramo Carballiño-O Irixo-Lalín (Abeleda) e o viaduto do Ulla, no subtramo Silleda (Dornelas)-Vedra-Boqueixón.

Dos tramos percorridos destaca especialmente este último viaduto do Ulla, que ten unha lonxitude de 630 metros e apóiase sobre nove pilas directamente ao terreo, cunha altura máxima de 116,9 metros, e sobre outras cinco pilastras que descansan sobre un arco de 168 metros de luz que salva o río Ulla. Estas dimensións outorgan ao viaduto sobre o río Ulla a característica de ser o máis alto de todas as liñas españolas de alta velocidade ferroviaria, tanto en altura de pilas como na frecha do arco central.

Tramo Ourense-Santiago
Entre as vantaxes que achegará a posta en servizo do tramo entre Ourense e Santiago destacan a diminución da distancia de percorrido entre as dúas cidades en 38,9 quilómetros, pasando dos 126 actuais a 87,1 (incluíndo o acceso a ambas capitais).

Trátase dun tramo de gran complexidade construtiva pola accidentada orografía que atravesa. Para salvala, foi necesaria a construción de ata 30 túneles, que suman 28,9 quilómetros baixo terra, e 38 viadutos, que totalizan 19,6 quilómetros de lonxitude. Máis do 59% do percorrido discorre en túnel ou en viaduto.

Compartir: