BENESTAR SOCIAL

Presentada en Santiago a Fundación Irene Megías contra a Meninxite

23/06/2011 O Concello de Santiago de Compostela foi o lugar elixido pola Fundación Irene Megías contra a Meninxite (FIMM) para presentar a entidade en Galicia. Está prevista tamén unha presentación oficial, ás 19:00 horas, no Centro Social NovaCaixaGalica (praza de Cervantes, 17).

A concelleira de Benestar Social en funcións, Mar Martín, exerceu de anfitriona nesta presentación, na que a directora de Expansión da FIMM, Elena Moya, fixo unha breve presentación, tanto da Fundación como do acto da tarde. Asegurou que "se ben a meninxite é unha enfermidade da que todos temos oído falar, os verdadeiros síntomas e as consecuencias que pode implicar son descoñecidas para a gran maioría da poboación. De aí que un dos nosos principais obxectivos sexa o divulgativo, posto que os especialistas aseguran que o 75% dos falecementos poderían evitarse grazas a un diagnóstico temperán".

Pola súa parte, a directora rexional para Galicia da FIMM, a doutora Cristina Regojo, contou os motivos que a animaron a unirse á entidade, e engadiu que "se ben a sede rexional estará en Vigo, a Fundación atenderá as necesidades de todos os galegos, xa sexan afectados, familiares, profesores, voluntarios ou persoas con gañas de axudarnos asociándose, algo que pode facerse a partir de só 12 euros ao ano a través da páxina web: www.contralameningitis.org".

Acto oficial
Xa por la tarde, a FIMM tiña prevista unha presentación máis extensa, tanto das súas actividades e obxectivos como da situación actual da meninxite en Galicia. No mesmo estaba confirmada a participación, ademais de Elena Moya, da subdirectora xeral de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial do Sergas, Mercedes Carreras, falando sobre a importancia da información ao cidadán e do que a Fundación pode achegar á sociedade galega neste sentido; do médico de Urxencias Pediátricas do Hospital Clínico Universitario de Santiago, Federico Martinón-Torres, cun relatorio sobre a solución que achega a súa investigación xenética; e do presidente da Sociedade Galega de Pediatría, Juan Manuel Sánchez Lastres.

A meninxite e a sepse meninxocócica
A meninxite (inflamación das membranas que recobren o cerebro e a espiña dorsal) e a sepse (infección do sangue) son enfermidades que poden contraerse tanto a través de virus como de bacterias, e que afectan especialmente a nenos de ata 5 anos e mozos de entre 15 e 24 anos. A variedade máis grave destas enfermidades, a bacteriana, pode matar en tan só unhas horas, así como deixar graves secuelas nos que as padecen; de aí a importancia de coñecer os síntomas para poder actuar a tempo.

Elena Moya aproveitou a rolda de prensa para recordar o recente descubrimento dunha vacina contra a meninxite tipo B, a de máis graves consecuencias. Así, indicou que en España se producen entre 400 e 600 casos anuais deste tipo de meninxite, dos cales entre un 8 e un 10 por cento causan o falecemento do paciente e nunha porcentaxe semellante deixan secuelas. Esta vacina, dixo, porase en circulación a finais de 2011.

Sobre a outra variedade de meninxite bacteriana de incidencia en España, a C, recordou que xa existía vacina, polo que insistiu na importancia da mesma. Tamén chamou a atención sobre aqueles que viaxe na África, que deben vacinarse para evitar o contaxio de meninxite.

A Fundación
A Fundación Irene Megías contra a Meninxite foi creada no ano 2006 por Jorge Megías e a súa dona, Purificación Roca, como consecuencia do falecemento da súa filla Irene, en agosto de 2005 á idade de 17 anos, por una sepse meninxocócica tan só 24 horas despois da aparición dos primeiros síntomas. Os principais obxectivos da Fundación son difundir entre a poboación o coñecemento sobre as causas, síntomas e tratamento da meninxite e da sepse; prestar apoio a familiares e afectados; promover condutas para a prevención destas enfermidades e fomentar a investigación científica neste ámbito.

Direcciones relacionadas



Compartir: