ALCALDÍA

As rúas do Home Santo e da Angustia melloran a súa calidade urbana

21/06/2011 As obras de reurbanización da rúa do Home Santo, no barrio de San Pedro, entran xa na súa recta final. Esta actuación conta cun orzamento de 1.357.012 euros.

O alcalde compostelán en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as estas obras, que abranguen un tramo da rúa da Angustia, a rúa do Home Santo (ata as escalinatas do Aturuxo) e a travesa do Home Santo (ata a avenida do Lugo). Esta actuación está a supor unha transformación integral destas rúas, con novos pavimentos e a renovación total dos servizos.

As obras supuxeron o levantamento e a eliminación total de pavimentos e firmes existentes, conservando unicamente as redes de servizos máis profundas. Solucionáronse as carencias en electricidade e abastecemento, colocando a rede de gas e renovando todas as conexións dos diferentes servizos básicos aos edificios.

Tras esta intervención estanse a instalar novos firmes e pavimentos, ampliando as beirarrúas. Nestas colocáronse baldosas prefabricadas de formigón e bordo de granito. Para a calzada optarase polo aglomerado asfáltico.

Unha das intervencións máis singulares é a renovación da praza triangular, pavimentada con lousas de granito, que se estenderán ao tramo inmediato da rúa, baixo as árbores existentes, procurando unha ampliación visual da mesma. Nesta área tamén se forraron os muros, colocaranse bancos de madeira e plantaranse rubidoras aromáticas. Máis adiante, está previsto que nesta zona se instale tamén un parque infantil.

A intervención completouse coa renovación do alumeado, coa plantación de árbores nas beirarrúas, coa dotación de bancos de granito e coa colocación de contadores soterrados.

Compartir: