XUNTA DE GOBERNO

Os barrios de Compostela celebrarán o San Xoán con 232 cacharelas e sardiñadas

21/06/2011 A Xunta de Goberno autorizou na súa sesión ordinaria desta mañá un total de 232 cacharelas e sardiñadas para a noite de San Xoán, o venres 24 de xuño. Delas, 127 realizaranse na cidade e outras 105 no rural.

Das cacharelas e sardiñadas autorizadas na cidade, 37 serán públicas. Delas, 22 combinarán as fogueiras coas sardiñadas, seis serán exclusivamente cacharelas e nove sardiñadas. Outras 90 cacharelas autorizadas teñen carácter privado.

Como en cada edición, non faltarán as festas maior parte dos barrios da cidade. Haberá cacharelas e sardiñadas en Casas Novas, Brandía, Vista Alegre, Conxo, Choupana, Concheiros, Romaño, Sar, San Pero, Algalia de Abaixo, San Paio, San Lourenzo, Pescadería Vella, Figueiras, Amio, Quiroga Palacios, Pontepedriña, Ensanche, Pelamios, Salgueiriños, Vite, Galeras...

No rural compostelán autorizáronse 105 cacharelas. Só dúas delas son públicas, as que se celebrarán nas parroquias de Villestro e da Peregrina.

Límites, prohibicións e horario
Cómpre recordar as regras para estas cacharelas e sardiñadas, nas que os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080). Ao finalizar a cacharela e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas. Ademais, deberase limpar inmediatamente o espazo autorizado ao remate da actividade.

En canto ás características das cacharelas, na zona urbana o volume de combustible no superará os seis metros de perímetro nin un metro de altura. No caso do rural, o volume máximo será tres metros de diámetro e a altura máxima tres metros.

A separación entre fogueiras e edificios e árbores será como mínimo de 12 metros, excepto no caso urbano. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.

Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites e, en xeral, de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes con líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estean baleiros.

No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público enlousados, os organizados encargarase de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros. Finalmente, prohíbese a colocación de pancartas que non estean expresamente autorizadas.

A hora límite para rematar a celebración é as 3:30 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta de Galicia para celebración de festas e romarías populares.

Documentos relacionados



Compartir: