PARTICIPACIÓN CIDADÁ

"Que ves cando me ves?" celebra o seu evento central nunha carpa na praza Roxa

17/06/2011 Haberá estampación de serigrafías e gravados, contacontos, instalación, performance, stands con publicacións e un micrófono aberto á participación do público, ademais da "Muller Express".

A praza Roxa de Santiago acolle o sábado 18, baixo o lema "A beleza está na rúa", diferentes actividades que desde as 11 h. ata mediodía buscan impulsar a visibilidade da muller na produción cultural galega e implicar aos cidadáns e cidadás para que participen activamente dela. A xornada insírese no programa "Que ves cando me ves?" (www.quevescandomeves.org).

Dúas serígrafas e unha gravadora farán as delicias de veciños e paseantes que poderán gozar de estampación en directo, nunha homenaxe ao maio francés. Estamparanse mandís e bolsas da compra, símbolos obvios do traballo da muller no fogar, que os participantes da xornada poderán levar. Preténdese fomentar a reflexión desde a perspectiva de xénero para resituar o papel das mulleres e os moz@s como axentes políticos activos na vida dunha sociedade, ademais de democratizar e pluralizar o acceso ás técnicas. As artistas son Marga Crespo e Nanda Cabaleiro, o deseño gráfico de Mónica Mura e o concepto e a serigrafía de Teo Ruíz.

Sherezade Bardají debullará os seus contos con sombras chinesas protagonizados por mulleres (bruxas, princesas, raparigas...) que loitan e vencen as batallas, isto é, que toman decisións, defenden os seus dereitos e promoven a súa autonomía e a igualdade entre xéneros. A intención é favorecer o espírito crítico entre os máis pequenos.

Tamén Esther F. Carrodeaguas trae á praza Roxa "Collage", un xogo literario composto de 45 tarxetas/naipes que se len de diferentes maneiras segundo como se ordenen. No espectáculo literario a escritora (no papel de si mesma), sae de diante do ordenador para enfrontarse aos seus lectores cara a cara, dramatizando a historia de amor entre Alicia (a actriz Raquel Nogueira) e Alberto. Un trío amoroso construído na liña que divide a realidade da ficción que se cociña con escuma de lavadora, nata en aerosol e amorodos ben maduros.

Esa mesma mañá o Colectivo Artístico 20 65 (20º e 65% de humidade) levará a cabo unha instalación-performance coa colocación de 300 globos no chan que o público axudará a liberar, unha metáfora do teito de cristal que obstaculiza a ascensión das mulleres nos seus proxectos persoais e profesionais.

Ademais das actividades programadas, haberá tamén un espazo de libre expresión, un micrófono aberto á cidadanía, onde asociacións, colectivos e calquera persoa a título individual poderá expresarse libremente. Poderán difundirse manifestos, suxestións, peticións, queixas, anuncios de espectáculos, poemas, críticas e discursos varios, relacionados coa temática do evento.

Artista María Chenut levará tamén o seu "carro de batalla" da "Muller Express", un proxecto en colaboración co pintor Branda consistente nun panel de madeira no que calquera muller pode meter a cabeza para retratarse como unha superheroína cunha cesta onde coloca os obxectos que a representan. Chenut xa estivo en días pasados polas rúas de Compostela fotografando a "mulleres express" que foi colgando no seu álbum de Flickr (http://www.flickr.com/photos/quevescandomeves/sets/72157626685097768).

Por último, a carpa contará cun "Espazo Editora" onde estará a revista Andaina e Aula 25-Abraxas (servizo de publicacións da USC), xunto a outras editoriais.

As xornadas continuarán os días 21 e 22 coa celebración de diferentes mesas de debate e diálogos co propósito de dotar de rigor as ideas e cuestións relacionadas co análise da diferenza de xénero como categoría.

Recoñecidas representantes de ámbitos da pedagoxía, a investigación, a arte, a xestión, o activismo, os medios e as novas tecnoloxías, compartirán co público as súas reflexións e ensaiarán respostas a novos interrogantes sobre xénero no seu ámbito de traballo.

Que ves cando me ves?
• Aposta a ser como un xogo de espellos, que proxecte a multiplicidade do suxeito feminino, aberto ás percepcións de homes, mulleres e nenos, convocando a complicidade da ollada pública.
• Desexa ser un mecanismo que a partir da difusión dunha pluralidade de producións, renove interrogantes, formule anhelos e amplifique as súas resonancias dando a palabra á cidadanía para construír creativamente novas identidades e sinalar as súas inquedanzas respecto da discriminación das mulleres.
• Aspira a promocionar novos hábitos, nos ámbitos do público e o privado. Grazas ao humor, a ironía das actividades recreativas e a visibilidade na rúa, quere favorecer a captación de novos públicos e novas sensibilidades, impulsando a eliminación de estereotipos.

Compartir: