CENTROS SOCIOCULTURAIS E BENESTAR SOCIAL

Últimos dous días para inscribirse no campamento "Viaxandoando polo mundo"

16/06/2011 As concellarías de Centros Socioculturais e de Benestar Social poñen en marcha Campamento urbano: Viaxandoando polo mundo, un programa de conciliación familiar e laboral, destinado a familias con nenos/as empadroados no Concello de entre 6 e 12 anos.

Este campamento enmárcase dentro do programa Vive o Verán, que ten como finalidade achegar unha oferta de lecer sociocultural a todos os públicos nos meses de estío e dende a rede de centros e locais socioculturais municipais. Tan só quedan dous días para que todos aqueles interesados se inscriban. A preinscrición poderá facerse en horario de 9:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas na rede de CSC.

Por outra banda, o departamento de Centros Socioculturais colabora con outros dous campamentos, un en Figueiras e outro na Gracia. O Campamento de Verán que organiza a Asociación Cultural Panaraiada da Gracia baixo o nome Verán con ritmo desenvolverase no CSC da Gracia. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos que despois se dividirán en grupos (de 3 a 6 e de 7 a 12) para poder establecer actividades e propostas acordes con cada etapa. O prezo é de de 72 euros por quincena e o horario será de 7:45 a 14:00 horas. Os interesados neste campamento poden poñerse en contacto coa propia asociación ou co Departamento de CSC.

O de Figueiras está organizado pola Asociación Veciñal Nova Xeira e desenvolverase no CSC de Figueiras do 1 ao 29 de xullo en horario de 9:00 a 14:00 horas. O venres 17 é o último día para anotarse nesta actividade, que está dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos e ten un custe de 50 euros para os socios e 95 euros para os non socios. Os interesados deben mandar un correo electrónico a novaxeira@gmail.com.

Viaxandoando polo mundo
En canto a Viaxandoando polo mundo, as actividades desenvolveranse simultaneamente en tres centros cabeceira da rede municipal: CSC das Fontiñas, CSC de Vite e CSC de Conxo, durante o mes de xullo, aínda que tamén se abrirán a diferentes parques da cidade. En total, hai praza para 100 nenos e nenas e as solicitudes poden facerse tamén por semanas, aínda que terán prioridade os que soliciten o mes completo. O horario do campamento, para conciliar a vida laboral e familiar será de 7:45 a 15:15 horas e o prezo será de 25 euros por semana e 100 euros o mes completo. Ademais, haberá 30 bolsas con bonificación do 25% do importe da matrícula.

Compartir: