EDUCACIÓN

As escolas musicais da cidade saen á rúa con motivo do Día Europeo da Música

16/06/2011 Coincidindo coa chegada do verán, o 21 de xuño celébrase unha nova edición do Día Europeo da Música. Con tal motivo, as escolas municipais da cidade saen á rúa para amosar o seu traballo a través dun amplo programa de actividades musicais do 20 ao 25 de xuño.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou o programa, que levará a expresión musical a rúas e prazas, museos, teatros, parques e edificios públicos e privados da cidade. O Concello súmase a esta iniciativa, na que participan a Escola Municipal de Música, a Escola de Música Berenguela, a Escola Estudio, o Conservatorio Profesional de Música de Santiago e o Conservatorio Histórico de Santiago. Uns 400 alumnos das mesmas tocarán durante estas xornadas.

O Día Europeo da Música é xa un "evento consolidado" en Compostela, tal como indicou Mercedes Rosón. É unha oportunidade non só de expresión artística ante diversos públicos, senón tamén de que "os pais tamén vexan como se traballa nas diferentes escolas da cidade", apuntou a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez, a propósito da vertente didáctica do programa. Tanto esta como os demais responsables das escolas destacaron a importancia de contar na cidade con tantas institucións dedicadas ao ensino da música.

Programa
O programa arrinca xa o venres 17, cun concerto da Escola Estudio no Hospital Clínico. Seguirá o luns 20 coa primeira entrega das Veladas no Casino, neste caso a cargo do Conservatorio Histórico.

O martes 21, Día Europeo da Música, abrirase a xornada cunha mostra sobre o órgano ibérico a cargo da Escola de Música Berenguela na capela das Ánimas. Pola tarde volverán as Veladas no Casino e xa ás 19:30 horas, na praza do Toural, celebrarase o acto central deste día. Será un concerto da banda e do coro da Escola Municipal da Música, seguido doutro da orquestra de corda do mesmo centro.

A praza do Toural tamén será o escenario das actuacións da Escola Municipal de Música do mércores 22, primeiro co conto musicado O avión de papel, logo cun obradoiro de cancións con xestos e, finalmente, con O mundo de Bela Bartok.

O xoves 23 haberá unha aula aberta de nenos e nenas de música e movemento da Escola Berenguela na praza de Feixoó. A mesma institución realizará no mesmo lugar un singular Concerto de Balcóns cun dúo de violín e piano e cun grupo de guitarras.

Ao día seguinte, o Conservatorio Profesional realizará as súas probas fin de grao. E novamente na praza do Toural, concerto didáctico da Escola Municipal de Música baixo o título O último canto, e outro do seu cuarteto de clarinetes. Para pechar a xornada, última sesión das Veladas no Casino.

O programa de actividades finalizará o sábado 25 de xuño cun faladoiro cultural en Radio Obradoiro. Entre outros, participará o compositor Fernando Buíde.

Na rolda de prensa de presentación do programa participaron a concelleira de Educación, Mercedes Rosón; o director da Escola Estudio, Jesús Atanes; a directora da Escola Municipal de Música, Sara Domínguez; a directora da Escola de Música Berenguela, María José Cerviño; e a directora do Conservatorio Histórico de Santiago, Esther Sobral.

Documentos relacionados



Compartir: