CIRCULACIÓN VIARIA

O 22 de xuño abrirase o prazo de solicitude de tarxetas de estacionamento para residentes nos barrios de Sar e San Lourenzo

15/06/2011 A concelleira de Circulación Viaria en funcións, Marta Álvarez-Santullano, anunciou que do 22 e xuño ao 2 de xullo estará aberto o prazo para solicitar tarxetas de estacionamento para residentes nos barrios de Sar e San Lourenzo. Estas dúas áreas sumarán outras 260 prazas de residentes ás xa existentes.

No barrio de Sar reservaranse inicialmente 143 prazas, das que 102 serán de 24 horas e outras 41 libres de día e reservadas pola noite. No caso de San Lourenzo estableceranse 117 prazas para residentes, 53 permanentes e 64 unicamente nocturnas.

Respecto das outras dúas áreas de residente en fase de implantación nestes intres, a concelleira recordou que a partir dos 22 de xuño comezará a vixilancia no barrio da Almáciga. Na zona de Ultreia e Espírito Santo xa foron tramitadas as tarxetas, se ben só dúas foron recollidas. En calquera caso, procederase xa á sinalización das prazas de residentes.

Álvarez-Santullano fixo fincapé en que estas propostas de prazas iniciais están abertas ás demandas dos veciños. Así, nas zonas onde xa están funcionando o aparcamento para residentes, indicou que as demandas máis frecuentes teñen quen ver con persoas maiores con fillos residentes noutros lugares. Neses casos, dixo, optouse por crear máis prazas libres de día e reservadas pola noite.

Non obstante, aclarou que hai outro tipo de demandas que non se poden atender. É o caso daquelas relacionadas coa propiedade de dous vehículos na mesma casa ou con persoas non empadroadas en Santiago.

Roubos en comercios
Preguntada na rolda de prensa polos roubos producidos en varios comercios nas últimas dúas semanas, a concelleira en funcións solidarizouse cos afectados, afirmando "entender e comprender a súa preocupación", pero lembrou que "a vixilancia en ningún momento baixou" e que "a seguridade segue a ser unha prioridade".

Sobre as investigacións, expresou a súa confianza en que "o Corpo Nacional de Policía resolva o antes posible estes roubos".

Compartir: