CONSORCIO

O exemplo da Sagrada Familia, protagonista na primeira xornada do ciclo de conferencias sobre o Plan Director da Catedral

10/06/2011 O luns 13 de xuño arrinca o ciclo de conferencias organizado con motivo da presentación do Plan Director da Catedral de Santiago. Na primeira xornada estará presente o arquitecto Jordi Faulí i Oller (Barcelona, 1959), que forma parte do actual equipo construtor da Sagrada Familia de Barcelona, dirixido por Jordi Bonet.

Jordi Fauli i Oller é o encargado da análise estrutural do templo, incorporando as novas tecnoloxías (CAD, simulación por computador, imaxes 3D) para elaborar un plano virtual do templo que permita recrear ata o último detalle o proxecto elaborado por Gaudí e levalo a execución. Doutor arquitecto en 2009 cunha tese sobre a continuidade e composición nas columnas e bóvedas do Templo da Sacra Familia.

Na mesma xornada tamén estará presente Miguel Sobrino, escultor responsable do taller de canteiría da Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid. Ademais é autor do libro Catedrales, no que reivindica o valor humano de cada unha das edificacións, algo que adoitamos deixar de lado para admirar a beleza arquitectónica, pero en si mesmas representan outros valores que Sobrino descubre na obra.

A terceira conferencia do día corresponde a Javier Alonso, arquitecto redactor do Plan Director da Catedral de Santiago, protagonista de todo o ciclo de conferencias e da exposición que se inaugurará no Pazo de Xelmírez. Alonso fará un repaso por todos os aspectos que contén o documento mestre que programa as intervencións que se realizarán na basílica xacobea.

O Plan Director establece as pautas, condicións, custos e a programación das actuacións necesarias para a rehabilitación da Catedral e describe de forma detallada o estado actual do conxunto. Tamén prevé e propón ideas para a xestión integral do edificio en canto ás actuacións de rehabilitación, restauración, acondicionamento, ordenación de usos e mantemento.

Compartir: