CULTURA

A gala internacional "Campo de estrelas" pon punto e final a Compostela Máxica 2011

10/06/2011 A V Semana Internacional do Ilusionismo Compostela Máxica 2011, organizada pola Concellaría de Cultura, despídese esta fin de semana coa celebración da gran gala "Campo de estrelas", que reunirá os mellores ilusionistas do panorama internacional. O Auditorio de Galicia acollerá o sábado e domingo a partir das 21:00 horas as actuacións dos ilusionistas franceses Norbert Ferré, Erik Lantine&Valerie e Jerome Murat, do catalán Charlie Mag e do galego Mago Vituco.

A gala estará conducida polo mago granadino Miguel Puga, coñecido artísticamente como Mago Migue. Puga, que conta entre os seus recoñecementos co Gran Premio Mundial na modalidade de cartomaxia, foi vocalista do grupo musical Los Inhumanos e ,ademais de mago, é actor, presentador e un dos showmans españois máis completos do momento.

Os espectadores poderán gozar coa habilidade do prestidixitador francés Norbert Ferré, campeón mundial de maxia na especialidade de manipulación, da maxia silenciosa da estatua Jerome Murat ou dos grandes efectos de ilusionismo que despregarán Erik Lantine&Valerie. O catalán Charlie Mag, recente campeón europeo de maxia xeral, e o galego Mago Vituco, completan o cartel deste gran evento. As entradas para asistir ás galas xa están á venda en www.caixagalicia.es ou no 902 43 44 43 e seu prezo é de 10 euros, co 50%_de desconto para menores de 25 anos e xubilados.

Pero o público compostelán poderá seguir gozando coa maxia na rúa esta fin de semana, xa que o parque da Alameda acollerá o sábado e o domingo a actuación do Magomimo Anyo e o seu Robot Máxico ás 12:00, 13:00, 19:00 e 19:30 horas. Ademais, o Castelo Máxico, que permanece instalado no Paseo Central da Alameda, tamén será escenario esta fin de semana de diversos pases de maxia da man de ilusionistas como o Mago Romarís, Cayetano Lledó, Martín Camiña, o Gran Pedrini e o Mago da Boina.

Máis de 60 espectáculos ao longo da semana
Nesta quinta edición, o festival ofreceu ao longo de toda a semana máis de 60 espectáculos en prazas, centros socioculturais e centros de educación especial, que obtiveron unha grande acollida por parte do público compostelán. Os espectáculos do Mago Kayto e Jean Phillipe encheron de ilusión a Praza Roxa e O Toural, mentres que os escolares composteláns puideron asistir a unha demostración de maxia no Teatro Principal da man dos magos Vituco, Cali e Jessica Guloomal. Non faltou tampouco a maxia na noite, xa que o emblemático club Dado Dadá acolleu varios números de prestidixitación.

Ademais, os nenos e nenas ingresados no Hospital Clínico recibiron a visita do Mago Romarís e Cayetano Lledó ,que repartiron sorrisos e ilusións, ao igual que o fixeron o Mago Cali e Martín Camiña no Centro de Educación Especial Manuel López de Navalón, e o Gran Pedrini e o mago da Boina no colexio de A Barcia. O xoves e o venres o Teatro Principal acolleu a "Gala con denominación de orixe", na que os magos Martín Camiña, Mago Cali, Jessica Guloomal, Cayetano Lledó, Magomino Anyo e Martín Varela, deleitaron ao público cos mellores números do ilusionismo galego.

Compartir: