XUNTA DE GOBERNO

Adxudicada a redacción do proxecto de mellora da accesibilidade na Almáciga

07/06/2011 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou, entre outros asuntos, a adxudicación da redacción do proxecto das obras de mellora da accesibilidade no barrio da Almáciga. Ademais, aprobouse o novo convenio entre o Concello e a Fundación Refuxio de Animais.

A actuación na Almáciga vai supor a conexión a través dun elevador das rúas de Touro e do Pino coa praza de Camilo Díaz Baliño. Este proxecto, incluído na iniciativa Urbana Santiago Norte, financiada con fondos FEDER, permitirá salvar as barreiras para os peóns nesta parte da cidade. A redacción do proxecto foi adxudicada por 20.644 euros.

O ascensor, acristalado e luminoso, estará rematado na parte inferior (praza de Camilo Díaz Baliño) por unha marquesiña que permitirá resgardarse da choiva. Na parte superior, conectará coas rúas do Pino e de Touro a través dunha pasarela tamén cuberta. A instalación deste elevador complementarase coa reurbanización da parte afectada destas rúas, actualmente destinada a estacionamento.

O elevador, construído na súa base en aceiro e incrustado en parte na rocha, terá instalada unha cámara de videovixilancia conectada coa Policía Local. Pecharase a unha hora determinada da noite. A súa capacidade é de oito persoas á vez.

Sanidade
Por outra parte, o Goberno local aprobou un novo convenio entre o Concello e a Fundación Refuxio de Animais para o exercicio 2011. En virtude do mesmo, o Concello achega en concepto de subvención para o funcionamento da Fundación 161.500 euros.

Educación
En materia de Educación, adxudicouse o servizo da Escola Infantil Municipal de Verán de Inglés "English Summer School" por 37.524 euros. Esta actividade desenvolverase do 1 ao 29 de xullo, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no IES Rosalía de Castro. A proposta está dirixida a estudantes empadroados en Santiago de 1º de primaria a 2º da ESO (ambos inclusive).

Centros Socioculturais
Ademais, deuse o visto bo ao contrato de subministro e instalación de alumeado da aula de exposición do Centro Sociocultural de Santa Marta. A adxudicataria realizará a instalación por un importe de 39.240 euros.

Medio Ambiente
Finalmente, acordouse solicitar unha prórroga ata o 31 de decembro de 2011 para a execución das obras de remodelación das especies arbóreas e restauración das beirarrúas afectadas polo arborado do polígono de Fontiñas. Esta obra está incluída no Fondo Estatal para o Emprego e a Sostibilidade Local 2010.

Documentos relacionados



Compartir: