CULTURA

Arrancou a V Semana Internacional do Ilusionismo "Compostela Máxica 2011"

06/06/2011 Santiago acolle a V Semana Internacional do Ilusionismo Compostela Máxica 2011, cun programa repleto de actividades destinadas a todos os públicos que se desenvolverán en diversos espazos da cidade ata o domingo 12 de xuño.

O festival, organizado pola Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, conta coa dirección artística do Mago Antón e nel participarán un total de 18 magos que ofrecerán ao longo de toda a semana máis de 60 espectáculos en prazas, centros socioculturais ou centros de educación especial, así como no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia.

Os magos Vituco, Cali e Jessica Guloomal foron os encargados de abrir a programación do Festival no Teatro Principal, onde ofreceron dúas clases de maxia dirixidas a escolares composteláns procedentes de varios centros educativos da cidade.

Os locais socioculturais de Meixonfrío, Marantes, Figueiras e Aríns tamén serán escenario de espectáculos de ilusionismo nesta quinta edición do Compostela Máxica, que amosará a súa cara máis solidaria o venres 10 de xuño, ao levar a maxia ao Hospital Clínico, ao Colexio de Xordos e ao centro de educación especial de A Barcia.

Ademais dos tradicionais espectáculos de rúa, que se desenvolverán diariamente na Praza Roxa e no Toural, este ano, como novidade, permanecerá instalado no paseo central da Alameda o Castelo Máxico, un espazo ideado polo Mago Romarís, que acollerá de martes a domingo diversos pases de maxia da man de magos como Cayetano Lledó, Martín Camiña, o Gran Pedrini e o Mago da Boina e o propio Romarís.

A maxia tamén será protagonista na noite compostelá, xa que o emblemático club Dado Dadá acollerá o luns e o mércores a medianoite senllos espectáculos de ilusionismo.

Catro galas con magos de primeiro nivel
O xoves e o venres o Teatro Principal acollerá ás 21:00 horas a "Gala con denominación de orixe", que estará protagonizada polos magos Martín Camiña, Mago Cali, Jessica Guloomal, Cayetano Lledó, Magomino Anyo e Martín Varela, que aos seus 15 anos destaca como unha das novas promesas do ilusionismo galego.

O sábado e o domingo ás 21:00 horas celebrarase no Auditorio de Galicia a gala internacional baixo o título "Campo de Estrelas", na que ilusionistas de recoñecido prestixio internacional como o catalán Charlie Mag, o galego Mago Vituco e os franceses Erick Latine&Valerie, Jérome Murat, e Norbert Ferré, presentarán os seus espectáculos máis sorprendentes.

A gala estará conducida polo mago granadino Miguel Puga, coñecido artisticamente como Mago Migue. Puga, que conta entre os seus recoñecementos co Gran Premio Mundial na modalidade de cartomaxia, foi vocalista do grupo musical Los Inhumanos e ademais de mago, é actor, presentador e un dos showmans españois máis completos do momento.

As entradas para asistir ás galas xa están á venda en www.caixagalicia.es ou no 902 43 44 43. O prezo das galas internacionais é de 10 euros, co 50% de desconto para estudantes e xubilados; e o das galas do Teatro Principal é de 5 euros, prezo único.

Compartir: