EDUCACIÓN E SEGURIDADE CIDADÁ

Un simulacro porá a proba o Plan de Emerxencia das Escolas Infantís Municipais

06/06/2011 A Rede Municipal de Escolas Infantís conta xa cun Plan de Emerxencia e Evacuación, que se plasma nun Manual de Autoprotección e en diversas accións de formación e simulacros de actuación, todo isto no marco do Programa Municipal de Seguridade e Autoprotección dos Centros Escolares. A Escola Infantil das Fontiñas acollerá o martes 7, ás 10:30 horas, un destes simulacros previstos.

A concelleira de Educación en funcións, Mercedes Rosón, considerou "imprescindible" o Manual de Autoprotección cara a "garantir de forma total e absoluta a seguridade nas instalacións". Este obxectivo conséguese tamén a través da formación previa do persoal das escolas e dos simulacros se situacións de emerxencia.

Nesta liña tamén se pronunciou o xefe do Servizo de Extinción de Incendios, Xesús Martínez, quen destacou a importancia de "definir as medidas necesarias para que o persoal poida traballar con seguridade e rapidez". En canto aos simulacros, indicou que permiten que "o persoal saiba o que facer en cada caso; e canto máis se repitan, mellor será a capacidade de resposta".

O responsable dos bombeiros composteláns salientou a peculiaridade que supón actuar con nenos tan pequenos, algúns dos cales nin sequera teñen a capacidade de andar. Neste sentido, os simulacros son un instrumento útil para os propios bombeiros para traballar cuestións coma o tacto á hora de trasladar os pequenos, dado que traballan con uniformes e equipamento con pesos entre 16 e 20 quilogramos.

Sobre o traballo cos propios pequenos, no caso dos que andan, apuntou que se lles explica como actuar en situacións de perigo. "O importante é que saiban recoñecer as sinais de emerxencia, e que ante estas se agrupen e sigan as ordes da profesora ou profesor, que será quen os dirixa",

O simulacro que se realizará na Escola Municipal das Fontiñas consistirá nunha situación de pequeno incendio no comedor. Unha persoa quedará atrapada a consecuencia do fume e os bombeiros procederán ao seu rescate.

Documentos relacionados



Compartir: