FESTAS

As Festas da Ascensión traen unha nova edición do Compostela Urbana

03/06/2011 As Festas da Ascensión continúan na xornada do sábado coa celebración da XIII Festa para os nosos maiores, no recinto feiral de Amio. Ademais dun xantar, os 2.000 asistentes confirmados contarán con animación de comparsas de cabezudos e a actuación da orquestra Magos de España.

Durante todo a xornada do sábado celebrarase o Compostela Urbana, unha exhibición de graffiti, BMX, Skate e Brake que se desenvolverá a partir das 17:00 horas no Campus Vida. Participarán especialistas destas modalidades de cultura urbana, cada vez máis en voga entre a mocidade de Compostela.

Xa pola noite, ás 21:00 horas comezarán os concertos de música urbana, con mostras de hip hop, a cargo de Pa la Peña (gañador do MúsicaXove’08), Tramaturgia (gañador do MúsicaXove’09), o grupo 504 (cuxos compoñentes foron premiados na primeira e segunda edición do MúsicaXove) e Malandrómeda.

Nesta xornada continuará a final de Nosolomonólogos no Teatro Principal. E no Paseo Central da Alameda continúa una xornada máis a sesión verbena, nesta ocasión coa orquestra Ciclón.

Música en Cervantes
A praza de Cervantes continúa durante a noite do sábado cos concertos de Sons da Cidade Vella, organizados pola Concellaría de Festas en colaboración coa Asociación Cultural Cidade Vella. Ás 21:00 horas actuará o grupo That’s Entertainment e ás 23:00 horas Los Chavales.

That’s Entertainment naceu recentemente (outubro 2010) coa intención de ofrecer un estilo musical ao estilo de bandas estadounidenses. A proposta musical deste grupo de Santiago de Compostela nada entre as influencias do Rock’n’Roll dos anos 50 e 60, como Gene Vincent, Elvis Presley ou The Drifters, a música de cantautor e folk americano como Bob Dylan ou Leonard Cohen e o country-rock de J.J. Cale, ou artistas contemporáneos como The Jayhawks ou Wilco.

Los Chavales son Tato, Bibi, Toni e Fonso, habituais na escena musical compostelá. Reuníronse en marzo de 2009 coa intención de montar un grupo de versións de bandas españolas dos anos 60. Conseguiron conformar un repertorio de 25 cancións clásicas (Brincos, Bravos, Salvajes, Lone Star, Gritos...) que presentaron en diferentes salas e festivais (Mar de Fondo, Felipop). O seu primeiro EP de catro temas xa saíu á luz, con temas en vinilo de clásicos de Love, Birds, Beatles e Sonics adaptados ao castelán pola propia banda.

Compartir: