XUNTA DE GOBERNO

As solicitudes de fogueiras e cacharelas poden entregarse ata o 15 de xuño

31/05/2011 A Xunta de Goberno aprobou as normas de seguridade e de xestión de permisos para as cacharelas en espazos públicos e privados na noite San Xoán ou en calquera outro día do mes de xuño. O prazo de solicitude destas fogueiras ou sardiñadas estará aberto ata as 14:00 horas do 15 de xuño.

As persoas, organizacións ou comunidades deben presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello, sinalando o nome, enderezo, teléfono e fotocopia do DNI dos responsables da organización ou comunidade, así como todos os datos que constan no modelo de solicitude. As persoas responsables teñen que ser maiores de idade.

A solicitude debe ir acompañada dun plano de situación do lugar onde se situará a cacharela, así como da situación de todos os elementos. Está prohibida expresamente a celebración de fogueiras nas seguintes prazas: Obradoiro, Quintana, Toural, San Martiño Pinario, Cervantes, Inmaculada e Mazarelos.

Os organizadores deberán coidar os arredores e coñecer o número de teléfono dos Bombeiros (080). Ao finalizar a cacharela e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas. Ademais, deberase limpar inmediatamente o espazo autorizado ao remate da actividade.

Límites, prohibicións e horario
En canto ás características das cacharelas, na zona urbana o volume de combustible no superará os seis metros de perímetro nin un metro de altura. No caso do rural, o volume máximo será tres metros de diámetro e a altura máxima tres metros.

A separación entre fogueiras e edificios e árbores será como mínimo de 12 metros, excepto no caso urbano. Porase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, así como que nos arredores non exista ningún local no que se almacenen produtos inflamables.

Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites e, en xeral, de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se botarán ao lume recipientes con líquidos inflamables ou gases a presión, aínda que estean baleiros.

No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público enlousados, os organizados encargarase de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros. Finalmente, prohíbese a colocación de pancartas que non estean expresamente autorizadas.

A hora límite para rematar a celebración é as 3:30 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta de Galicia para celebración de festas e romarías populares.

A concesión das solicitudes será aprobada pola Xunta de Goberno, co visto bo previo do Servizo de Extinción de Incendios e da Policía Local, e co informe favorable da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico para aquelas fogueiras situadas no seu ámbito de actuación.

Listas nas escolas infantís de Conxo e de Fontiñas
Noutra orde de asuntos, na Xunta de Goberno tamén se aprobaron as listas definitivas de admisión e espera das escolas infantís de Conxo e de Fontiñas.

No eido de Cultura, deuse conta da sinatura dos convenios con: Asociación Cultural Seráns de Compostela (1.700 euros), Sala Capitol (11.685 euros), Asociación Cultural Cidade Vella (10.200 euros) e Agrupación Cultural O Galo (8.500 euros).

Finalmente, aprobouse un orzamento de 15.919 euros para a iluminación das rúas durante as festas da Ascensión e subministro eléctrico no Campus Sur, Alameda e Festa dos Maiores.

Documentos relacionados



Compartir: