CONSORCIO

Comezan as visitas guiadas á mostra "Domus Iacobi. A historia da Catedral de Santiago"

27/05/2011 O mércores 1 de xuño poñerase en marcha o programa de visitas guiadas á exposición Domus Iacobi. A historia da Catedral de Santiago, situada no Colexio de Fonseca e que conmemora os 800 anos da Catedral compostelá.

Estas visitas, todas elas gratuítas, divídense en dúas categorías. Os domingos haberá visitas ás 11:30 e ás 12:30 horas. De martes a sábado, os itinerarios guiados realizaranse previa concertación nos teléfonos 685 860 773 e 685 860 772 ou no enderezo electrónico info@tesourosnovos.com).

Este programa quere axudar ao visitante a comprender mellor o significado do proceso construtivo da Catedral de Santiago, vinculado de forma especial á historia da cidade e ás súas transformacións. As visitas están organizadas polo Consorcio de Santiago e o Museo da Catedral, coa colaboración da empresa especializada en xestión cultural Tesouros Novos. Ademais de ao público en xeral, diríxense de maneira especial aos centros educativos e ás asociacións.

A exposición
Domus Iacobi. A historia da Catedral de Santiago, aberta ata o 24 de xullo, repasa a historia da basílica xacobea, custodia do sepulcro do Apóstolo Santiago e meta de peregrinación. Unha viaxe a través do tempo para comprender mellor as claves da historia e a arte da Catedral a través de varias das pezas máis singulares do seu patrimonio, algunhas presentes por vez primeira fóra das súas localizacións habituais e outras procedentes de coleccións particulares, que volven por uns meses a Compostela sumándose á celebración dos 800 anos da consagración. Domus Iacobi (en latín, "casa de Santiago") permite admirar, entre outras xoias artísticas, o rosetón da primitiva fachada románica da Catedral, esculturas descoñecidas pertencentes ao taller do Mestre Mateo, pezas de imaxinería e ourivaría ou dúas esculturas románicas pertencentes á antiga fachada románica e que nunca antes se mostraron ao público.

A exposición está organizada polo Cabildo da Catedral e o Consorcio de Santiago e compleméntase co Museo da Catedral, a poucos pasos do Colexio de Fonseca. Desenvólvese en nove ámbitos nos que, seguindo unha orde cronolóxica, abórdanse os principais fitos na historia da Catedral.

O momento da consagración, o 21 de abril de 1211, convértese en punto de inflexión e ocupa un lugar protagonista no percorrido da exposición. A partir dese punto, a exposición invita a facer un percorrido pola historia da Catedral, dende as súas orixes, co descubrimento dos restos do Apóstolo Santiago no século IX, ata os nosos días, abríndose unha porta ao futuro coa posta en marcha das actuacións do Plan Director da Catedral, que permitirá, nos próximos anos, realizar o maior proxecto de conservación e restauración en relación ao conxunto catedralicio. Precisamente, a remodelación do Museo da Catedral, que complementa esta exposición, é unha das primeiras actuacións asociadas ao programa do 800º Aniversario impulsado polo Consorcio de Santiago e o Cabildo da Catedral.

Percorrido expositivo
O primeiro dos ámbitos dedícase á figura do Apóstolo Santiago, razón de ser da Catedral compostelá, cos seus diferentes tipos iconográficos exemplificados nalgunhas das obras máis importantes das coleccións catedralicias. Entre elas destaca o retablo con escenas da vida do Apóstolo, realizado en alabastro policromado e madeira no século XV e que foi unha ofrenda a Santiago de John Goodyear, párroco de Chal, na illa de Wight, no Reino Unido.

Nos catro capítulos seguintes, dispostos no Salón Artesonado do Colexio de Fonseca, abórdase a construción da Catedral románica, con especial atención ás fachadas medievais, a través dalgunhas pezas procedentes das mesmas. A obra do Mestre Mateo ocupa tamén un lugar central: o Pórtico da Gloria, a fachada occidental e o Coro pétreo. Por último, a referida cerimonia de consagración, representada nas doce cruces que aínda hoxe percorren os muros da basílica e na copia da acta de consagración que se conserva no Tumbo B do Arquivo Catedralicio.

Na capela de Fonseca desenvólvese a segunda parte da exposición: a actividade construtiva da Catedral a partir do século XIII, que vive sucesivos períodos de auxe e decadencia con significativos exemplos correspondentes a todos os estilos artísticos, dende o gótico ata a arte contemporánea, pasando polo renacemento, o manierismo, o barroco e o neoclásico. O redescubrimento, en 1879, dos restos do Apóstolo Santiago, ocultos dende os últimos anos do século XVI, é o punto fundamental desta segunda parte, que se introduce no mundo contemporáneo e a nova etapa de esplendor que actualmente vive o fenómeno xacobeo a nivel universal.

Finalmente, o espazo da sancristía está dedicado ás novas tecnoloxías e nel proxéctanse diferentes materias audiovisuais sobre a historia da Catedral, poñendo o seu patrimonio ao alcance dun maior número de persoas.

Direcciones relacionadas



Compartir: