CONSORCIO

O Consorcio de Santiago devolverá o seu aspecto orixinal á fachada do edificio da Universidade en Mazarelos

26/05/2011 O Consorcio de Santiago, no marco das súas políticas de recuperación do patrimonio histórico da cidade, comezou as obras de revestimento da fachada do edificio histórico da praza de Mazarelos que acolle a Facultade de Filosofía. Este revestimento vai devolver o seu aspecto orixinal ao edificio, que a día de hoxe mostra a pedra descuberta.

O revestimento realizarase mediante a aplicación de revoco con morteiro de argamasa de cal, tal e como é costume nas fachadas dos edificios da Cidade Histórica de Santiago, deixando tan só o granito á vista nos recercados de portas e ventás. A superficie sobre a que se actuará é de algo máis de 1.600 metros cadrados. Deste xeito, o inmoble volverá lucir a súa cor branca característica, tal e como se concibiu orixinalmente.

O Consorcio de Santiago contratou a obra á empresa especializada en tarefas de rehabilitación Ecoservicio y Bioconstrucción Atlas, por un importe de 83.305 euros. O prazo de execución das obras é de catro meses.

O edificio data do século XVII e foi construído como dependencias docentes anexas ao colexio e igrexa dos Xesuítas (actuais facultades de Xeografía e Historia e igrexa da Universidade). Todo o conxunto edificouse sobre o solar que antigamente ocupaba o mosteiro medieval de Santa María a Nova. As dependencias do espazo de Mazarelos constituían as denominadas Escolas Menores, e nelas impartíanse as clases de Gramática. Posteriormente, no século XVIII, foron renovadas e convertidas en Casa de Exercitantes, destinadas ao clero diocesano. Nesta reforma participaron dous dos mellores arquitectos da época: Simón Rodríguez e Miguel Ferro Caaveiro. A mediados do século XIX o edificio recupérase como centro de ensino medio e, dende 1975, pasa definitivamente a utilizarse como centro universitario, albergando diferentes facultades ata hoxe, que é sede da Facultade de Filosofía.

Compartir: