CULTURA

Inversa Teatro presenta "A illa das mulleres loucas" no Teatro Principal

26/05/2011 Inversa Teatro, compañía galega de recente creación fundada por Marta Pérez, volve de novo aos escenarios coa peza A illa das mulleres loucas, dirixida por Vanesa Sotelo. Nesta ocasión a cita terá lugar no Teatro Principal o venres 27, ás 21:00 horas, despois de ter pasado xa polas cidades de Vigo, A Coruña e Lugo.

A illa das mulleres loucas está baseada na obra homónima de Alfonso Pexegueiro e trátase dun recital dramático onde a linguaxe do corpo (encarnada polas actrices María Caparrini e Vanesa Sotelo) e a palabra do propio autor en escena se combinan coa música orixinal que os integrantes de Berrogüetto Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (arpa) compuxeron para a ocasión e interpretan en directo. Súmase ao elenco o deseño de iluminación creado por Baltasar Patiño. O resultado é unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaecen para desvelar un tempo suspendido onde unha muller libra a súa propia batalla por definir os límites entre cordura e loucura.

O real, o mítico e o imaxinario mestúranse nesta illa onde o tempo desaparece e sitúa a quen a ela se achega diante dun cadro de secuencias de planos ou xeometrías como se dunha construción cubista se tratase. Nese contexto de simultaneidades e sucesións incesantes as voces álzanse para transformar espazos sometidos, xa sexa por correntes de poder e escravitude, cuestións sociais, económicas, políticas e culturais.

A estranxeira, a exiliada, a linguaxe, a vida. En A illa das mulleres loucas todos estes elementos reúnense nunha única figura subterránea: a historia do ser humano que percorre o mundo, os séculos e as épocas na procura do seu espazo de liberdade, de ser.

Inversa Teatro é unha compañía profesional galega fundada e dirixida por Marta Pérez dende o 2009. Fundamenta o seu traballo na convivencia de diferentes campos artísticos: artes escénicas, audiovisual, música e artes gráficas e aposta por un teatro contemporáneo e de experimentación onde poder levar a cabo textos de dramaturgos galegos contemporáneos. Un dos puntos clave para Inversa Teatro é a súa intención feminista. Non é casual que todas as súas obras cuestionen o papel da muller na sociedade. Neste momento, Inversa ten en cartel os espectáculos Expostas, A illa das mulleres loucas e Kamouraska, nun exemplo de incesante actividade desta nova compañía.

As entradas están xa á venta na web de Caixa Galicia e no teléfono 902 434 443, así como na billeteira do Principal, a un prezo de 7 euros, butacas platea e primeira planta; e de 5 euros na segunda. planta e 3 euros no anfiteatro.

Direcciones relacionadas



Compartir: