EMIGRACIÓN E INMIGRACIÓN

A concelleira de Emigración e Inmigración viaxa a Montevideo

21/02/2006 Nas súas primeiras xornada de actividade institucional en Montevideo, Teresa Regúlez visitou a residencia de anciáns Fogar Español, e mantivo unha reunión con autoridades do Patronato da Cultura Galega.

A concelleira de Emigración e Inmigración, Teresa Regúlez, foi recibida na residencia de anciáns Fogar Español por integrantes da Xunta Directiva, que preside Benito Grande Quintana.

Actualmente residen neste Fogar 190 emigrantes españois con poucos recursos económicos, dos que un 85% son galegos. Grande explicoulle á concelleira que os anciáns ingresan cada vez con máis idade ao Fogar Español, e con máis problemas de saúde, o que trae como consecuencia que un 66% dos residentes sexan semi-dependentes e dependentes.

En marzo de 2004 leváronse a cabo no fogar unha serie de reformas que incluíron baños, cuartos e espazos comúns, así como o sistema de calefacción. As obras, que contaron con financiamento da Administración Española, remataron hai un par de meses.

En abril comezarán as obras de ampliación das instalacións do Fogar, grazas á axuda económica que confirmou o pasado ano o ministro de Traballo e Asuntos Sociais, Jesús Caldera, cando estivo de visita en Uruguai. Coa obra de ampliación finalizada, no prazo dun ano, o Fogar Español pasará a ter 108 habitacións, e unha capacidade para 216 residentes, espazos comúns máis amplos, dous ascensores, baños xeriátricos, a ampliación do lavadoiro e enfermerías nos catro pisos.

Convenio co Concello de Santiago
A concelleira de Emigración e Inmigración fixo entrega ás autoridades do Fogar dun borrador do convenio que ten previsto subscribir o concello de Santiago de Compostela co fogar Español. Este convenio establece que a través da Concellaría de Emigración e Inmigración do Concello outorgarase unha subvención nominativa de 1.000 euros anuais por cada residente santiagués que resida no Fogar Español -actualmente hai seis composteláns vivindo no Fogar. A sinatura do documento tería lugar en Montevideo, en abril ou maio deste ano, con motivo da visita que ten previsto realizar o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, a Uruguai.

Visita ao Patronato da Cultura Galega
Teresa Regúlez visitou o Patronato da Cultura Galega de Montevideo, onde se reuniu coa Directiva, presidida por María del Carmen Lorenzo Neo. No encontro, a concelleira aproveitou para explicar o traballo que desenvolve a Concellería de Emigración e Inmigración do Concello de Santiago, e que pretende axudar e asesorar tanto a emigrantes galegos no exterior como a emigrantes e descendentes que regresan a residir en Santiago.

En novembro do pasado ano Teresa Regúlez visitou aos composteláns residentes en Venezuela e nos próximos meses viaxará a Francia, Inglaterra e Alemaña.
As autoridades do Patronato, pola súa banda, comentaron á concelleira que nestes momentos a institución anda a buscar un novo local máis amplo onde instalarse.
conseguir un novo local onde instalarse, más amplo que el que ocupa actualmente.

A concelleira ten previsto visitar a santiagueses nos seus propios domicilios, para así coñecer de primeira man a situación real na que viven os emigrantes de Santiago residentes no Uruguai. Actualmente viven neste país arredor de 600 composteláns, entre emigrantes e descendentes.

Compartir: