TURISMO

O concurso Santiago(é)Tapas chega á súa última fin de semana con máis de 1.800 tapas consumidas por día

26/05/2011 Nos primeiros dez días do Santiago(é)Tapas, entre o 13 e o 22 de maio, consumíronse máis de 18.000 tapas nos 60 establecementos participantes nesta cuarta edición do concurso, enmarcada no 800 Aniversario da Consagración da Catedral. Este dato supón que se consumiron algo máis de 1.800 tapas diarias, que é a mellor media de participación diaria das edicións realizadas ata o momento. O concurso remata o domingo 29 coa previsión de que se manteña este ritmo de consumo.

Na edición do 2008 foron un total de 20.000 tapas entre os 16 días que durou o concurso, cunha media de 1.250. Na edición do 2009 foron 27.000 en 17 días, xa que se incluíu o venres da primeira fin de semana, sendo a media diaria de case 1.600. Na edición do 2010, que por motivo do Ano Santo se ampliou a 24 días, o consumo fora de 35.000 tapas, con 1.450 diarias.

Así, os datos dos primeiros dez días do concurso, apuntan a que este xa é un evento consolidado na cidade, agardado polos composteláns que queren probar as propostas dos diferentes establecementos, pero tamén con alta participación de turistas e visitantes, que aproveitan o concurso para descubrir diferentes partes da cidade e coñecer a gastronomía galega a través da cociña en miniatura. Por exemplo, nos dez primeiros días houbo 14 persoas que completaron o seu Tapasporte Express, pensado especificamente para as persoas que veñen uns días á cidade.

Neste sentido, o cambio de datas proposto pola Asociación Hostalería Compostela, de xuño a maio, permite dinamizar o sector hostaleiro nun mes cunha menor afluencia turística. Cabe tamén apuntar que o consumo non se concentra maioritariamente en ningunha ruta concreta, senón que é similar entre as cinco, o que indica tamén que Santiago(é)Tapas propicia a movemento da xente polo conxunto da cidade.

Outros datos que tamén apuntan á consolidación do concurso son tanto o número de Tapasportes repartidos ata o 22 de maio, máis de 6.000, como o de os pousavasos que se empregan para votar, máis de 24.000. Tamén se repartiron máis de 70 premios a persoas que completaron algunha ruta. Ademais, xa se descargaron máis de 350 Tapasportes virtuais, a nova aplicación para terminais móbiles que ten o mesmo valor que o Tapasporte físico, e www.santiagoetapas.com suma xa máis de 50.000 visitas.

Día Nacional do Celíaco
Dende o 2010, a Asociación de Celíacos de Galicia colabora con Turismo de Santiago na inclusión de tapas aptas para persoas celíacas en Santiago(é)Tapas, así coma na súa promoción. Este ano, hai unha ruta específica composta por dez establecementos que ofertan doce tapas aptas para persoas celíacas. As persoas que completen esta ruta levarán un premio.

Co motivo do Día Nacional do Celíaco, que ten lugar o venres 26, Turismo de Santiago quere amosar o seu apoio a este colectivo e agradecer a colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia no concurso.

Compartir: