EDUCACIÓN

Quince coreografías farán visible o traballo en torno á danza dos centros escolares

26/05/2011 O Certame de Danza Intercentros chega xa á súa sexta edición. Será unha oportunidade única para que 187 rapazas e rapaces (nesta ocasión bailarán catro nenos) amosen ao público o froito do traballo en torno á danza realizado ao longo do curso. A cita é o sábado 28 de maio, ás 19:30 horas, no Auditorio de Galicia.

A concelleira de Educación en funcións, Mercedes Rosón, presentou o VI Certame de Danza Intercentros, que nesta ocasión conta coa participación de cinco centros escolares, que representarán ata 15 coreografías. Acompañouna a profesoras da Asociación Cultural Danza Estellae Beatriz Viñal, que xunto con Eva Cancio, Mercedes Martínez, Silvia Miramontes e Violeta Lado, se encargaron das coreografías

Mercedes Rosón destacou que "o traballo en danza que se realiza nos centros de ensino está cada vez máis consolidado e, con este festival, o que se pretende é poñelo en valor". Nesta mesma liña se pronunciou Beatriz Viñal ao apuntar que "este certame permítenos amosar o traballo dos alumnos a un público máis amplo e para os propios alumnos resulta unha experiencia escénica moi completa.

Participan nesta edición os seguintes centros: Colexio San José de Cluny, do CEIP Pío XII, IES Arcebispo Xelmírez I, IES Rosalía de Castro e CEIP López Ferreiro. Os seus alumnos e alumnas levarán ao escenario do Auditorio obras que van dende o máis clásico ao máis moderno. Así, e por esta orde, representarán: Cincenta (varios), África (varios), Perdidas no vento (Editors), Don Quixote (Ludwig Minkus), Pinocho (Leigh Harlene e Ned Washington), O lago dos cisnes (P.I. Tchaikovsky), Perhaps (Pussycat Dolls), Maxia en Hogwarts (Richard Clayderman), NY (Alicia Keys), Primavera (Ludovico Eunaidi), La dernière (varios), Bonecas de trapo (Léo Delibes), Over again (Muse), Transformation (varios) e Danza das horas (W.A. Mozart).

A duración das pezas vai dende os 15 aos 1,47 minutos, para un espectáculo total de aproximadamente hora e media. A entrada é de balde.

Documentos relacionados



Compartir: