CONSORCIO

A Real Filharmonía pecha a temporada coa violinista Patricia Kopatchinskaja

25/05/2011 O xoves 26 de maio péchase a temporada de concertos da Real Filharmonía no Auditorio de Galicia. Para a cita, preparouse un programa composto na primeira parte polo Concerto para violín de Sibelius e, na segunda parte, pola coñecida Sinfonía do Novo Mundo, de Dvorák.

A solista da noite será unha das mellores violinistas europeas de hoxe, Patricia Kopatchinskaja, que vén de tocar en Finlandia e Austria. Naceu en Moldavia e estudou composición e violín en Viena e Berna e no 2002 recibiu o prestixioso galardón para novos artistas International Credit Suisse Group Young Artist Award. A partir de entón debutou nas principais capitais europeas e americanas. Está a realizar interesantes gravacións de discos, entre elas o seu novo CD coas obras completas de Beethoven para violín e orquestra, que gañou o premio da revista BBC Music 2010 .

Toca un violín fabricado en 1834 por Giovanni Francisco Pressenda, segundo a revista The Strad "un instrumento de gran colorido, cuxa calidade tonal case de viola préstalle un son de interese excepcional". Actuando como embaixadora de boa vontade para a organización humanitaria Terre des Hommes, Patricia Kopatchinskaja apoia en particular proxectos para nenos en Moldavia.

Toda a información do concerto e as notas ao programa están dispoñibles nas webs da Real Filharmonía e do Auditorio de Galicia .

Compartir: